Expertos da EPS destacan a calidade do abono obtido a través de residuos procedentes do mar
A coordinadora do grupo de Investigación de Xestión de Residuos Orgánicos, Fertilización e Ecoloxía Agraria da USC, Elvira López Mosquera, salientou nas IV Xornadas de Divulgación Científico-Tecnolóxicas da Facultade de Ciencias de Lugo a viabilidade dos residuos obtidos a partir de produtos procedentes do mar tratados mediante un proceso de compostaxe.
Mosquera explicou que o grupo de investigación atopou a aberta participación dunha empresa focense para estudar a obtención dun abono ecolóxico a base de algas e restos de peixe. Con esta reciclaxe de restos do mar en fertilizantes orgánicos para o campo respéctase o medio ambiente e “conseguimos afondar en aspectos máis descoñecidos desde o punto de vista científico, como é a influencia desta aplicación na ecoloxía do solo”, apuntou.
O estudo en xestión de residuos orgánicos, que están a desenvolver profesores de distintas áreas da Escola Politécnica Superior, e no que participan tamén expertos do Campus de Santiago, xunto con outros de Portugal, Francia e Brasil, abarca ademais o reciclado da materia orgánica procedente doutras actividades agrícolas, forestais ou agroindustriais.
Así, Mosquera dixo que o traballo se está a poñer en práctica noutras dúas empresas luguesas que colaboraron tamén na investigación. Como exemplo de reciclaxe de residuos gandeiros, a USC está a procesar o esterco de polo dunhas instalacións de Portomarín, mediante a súa deshidratación e granulado. Para investigar as aplicacións en residuos agroindustriais, unha fábrica vilalbesa colabora coa Universidade na valorización do lodo de industria láctea para terreos de agricultores.
RobóticaEntre os diversos relatorios que se están a ofrecer nestas xornadas divulgativas, destacou tamén o impartido polo profesor da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Facultade de Ciencias Roberto Iglesias, quen expuxo algúns dos retos que definen as diferentes liñas de investigación actual en materia de robótica.
Entre os desafíos do equipo de Robótica do Grupo de Sistemas Intelixentes da USC está o de poder construír unha máquina que poida ser manexada por todo o mundo “sen a necesidade de ser especificamente programada por un enxeñeiro”, explica Iglesias.
A investigación no Campus lugués estase a desenvolver mediante os proxectos, ‘A aprendizaxe de comportamentos autoadaptables en robótica, “usando percepción 3D en contornas non estruturadas e moi concurridas”; e o ‘Control intelixente distribuído para a interacción amigable con robots de custe reducido en contornas domésticas’, “co que se pretende lograr robots capaces de adaptarse ao medio sen depender dun enxeñeiro, utilizando as súas propias experiencias e a observación do comportamento humano”, apunta Roberto Iglesias.
O equipo da USC está a traballar ademais no desenvolvemento de programas de control dos robots, para o que colabora co Centro de Investigación en Sistemas Intelixentes da Universidade de Ulster.
As xornadas de divulgación científica, cuxo obxectivo é dar a coñecer o labor investigador que se desenvolve no Campus lugués, rematan o xoves 30.