Ir o contido principal

Expertos de toda España achegaranse a Lalín para debater sobre a igualdade no ensino

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2010

Profesionais dos diferentes ámbitos de intervención relacionados coa igualdade de oportunidades participarán no curso que se desenvolverá dende o 20 ao 23 de xullo no Auditorio Municipal de Lalín. Baixo o título ‘Novas fronteiras na igualdade de oportunidades: Escola para igualdade’, os relatorios correrán a cargo de catedráticos en materias como Psicoloxía ou Socioloxía, educadores sociais, mediadores interculturais e orientadores que desenvolven o seu traballo en diferentes puntos de Galicia, Andalucía, Aragón, Illas Canarias, Castela e León ou o País Vasco. Os asistentes a este seminario analizarán diversos casos relacionados coa convivencia educativa, a conciliación da vida familiar e laboral ou os conflitos étnicos e culturais, ademais de exemplos de boas prácticas igualitarias nos diferentes niveis do ensino co obxectivo de obter conclusións válidas para a práctica educativa cotiá das escolas, institutos e universidades españolas. As profesores María José Méndez Lois e María Jesús Payo Negro dirixen esta actividade, de trinta horas de duración, que conta co cofinanciamento do Concello de Lalín e do Fondo Social Europeo a través do Servizo Galego de Promoción da Igualdade de Home e da Muller.

Toda a información sobre este curso pódese consultar na web www.usc.es/cultura/uveran33_10.htm.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.07.2010.