Ir o contido principal

Expertos de España, Portugal e Iberoamérica presentan en Santiago innovacións en sistemas de información aplicados á saúde e o ensino a distancia

Público asistente a CISTI 2010
Público asistente a CISTI 2010

A 5ª Conferencia Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información ( CISTI 2010 ), que se celebra entre o 16 e o 19 de xuño no Hotel Congreso de Santiago, comezou este mércores coa presentación e discusión de 30 proxectos de teses de doutoramento diante de seis tribunais internacionais compostos por prestixiosos profesores universitarios de España e Portugal. Este evento académico, dirixido e coordinado polo profesor Manuel Cota da Universidade de Vigo, contou con conexións por videoconferencia con diversas universidades de Brasil e Bolivia nas que destacaron especialmente os avances en sistemas de ensino a distancia que permiten a xestión e o control das emocións a través do ordenador. A CISTI e un evento técnico-científico anual que ten como obxectivo presentar e discutir as innovacións, experiencias e coñecementos no campo dos sistemas e tecnoloxías da información e as súas aplicacións. A xornada de hoxe xoves está centrada na presentación de innovacións en sistemas de información aplicados aos campos da saúde, do ensino a distancia e dos modelos organizacionais. Nesta edición están sendo presentadas 270 comunicacións procedentes de diversas universidades e empresas de España, Portugal e Latinoamérica. Todas elas seleccionadas entre 400 candidaturas a través dun sistema de tripla avaliación blindada. O encontro está organizado polo Gist. Idega da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Asociación Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías de Información, sendo socios a Universidade Fernando Pessoa, a de Vigo, o Instituto Politécnico de Cávado e Ave, a Universidade de Estremadura, a Politécnica de Madrid, a Trás-os-Montes e Alto Douro, a Facultade de Enxeñaría da Universidade de Oporto, o ISEGI da Universidade Nova de Lisboa e a Universidade Tecnolóxica Nacional de Arxentina.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.06.2010.