Expertos europeos e iberoamericanos analizan a mellora educativa co uso das TIC
Difundir experiencias de investigación sobre a mellora educativa co uso das novas tecnoloxías é o obxectivo do Congreso Edutec que coordinan as profesoras da USC Beatriz Cebreiro e Carme Morante. A inauguración oficial do encontro terá lugar este mércores, ás 11:00 horas, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.
Ao acto asisten a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; o reitor da USC, Senén Barro; o director xeral de I+D+i, Salustiano Mato; o responsable do CESGA, Javier García Tobío; e o presidente da Asociación para o Desenvolvemento da Tecnoloxía Educativa e Novas Tecnoloxías aplicadas á Educación, Francisco Martínez Sánchez.
Con esta xornada comeza ás 9:30 horas a modalidade presencial do congreso que abriu en Internet o pasado luns, día 1, cun espazo virtual no que as persoas inscritas participan en foros de debate. A través das sesións en liña facilítase o intercambio de ideas na distancia ao mesmo tempo que se retransmiten as conferencias presenciais, programadas ata o venres 5.
Mércores 3Logo da apertura, o xerente do portal arxentino Educar.org, Alejandro Piscetelli, pronunciará, ás 12:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o relatorio ‘Os bárbaros de Google. Educando con sentido á xeración Einstein’. Pola tarde, o congreso continuará, a partir das 16:00 horas na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur, con talleres sobre os recursos TIC na Educación Infantil, o taboleiro interactivo na aula e o xestor de contidos.
Deseguido, ás 17:30 horas, haberá tres mesas de comunicacións acerca da formación de cidadáns para o uso das novas tecnoloxías, propostas e-learning e experimentos con servizos web. As políticas e accións para o uso das TIC na ensinanza en Latinoamérica é o tema principal da conferencia que impartirá ás 18:30 horas o ministro de Educación de Arxentina, Juan Carlos Tedesco.
Xoves e venresA sesión do xoves centrarase no uso de software social no contexto educativo, a formación en liña para hospitais e o pasado e futuro dos obxectos de aprendizaxe. Tamén se farán mesas redondas e talleres destinados a tratar o deseño de contidos didácticos ou a mellora dos espazos de formación na rede, entre outros aspectos.
Xa o venres 5, Edutec acollerá a presentación da Rede Iberoamericana de Museos Pedagóxicos Interactivos e do libro As TIC para a igualdade. Tratarase o e-learning en Europa ou as novas tecnoloxías para crear pontes entre culturas. O acto de clausura será, ás 17:30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía.