Ir o contido principal

Expertos de Galicia e Norte de Portugal reúnense en Santiago no XI Congreso Internacional de Formación para o Traballo

O reitor compostelán estivo presente na inauguración deste congreso no CIFP Politécnico de Santiago
O reitor compostelán estivo presente na inauguración deste congreso no CIFP Politécnico de Santiago

Un ano máis, a cidade de Santiago acolle o Congreso Internacional Galicia e Norte de Portugal de Formación para o Traballo que na súa décimo primeira edición leva por lema ‘Aprender a emprender dende a experiencia e a formación’.
O congreso, que se desenvolverá ata este venres no CIFP Politécnico de Santiago (Avda. Rosalía de Castro, 133), inaugurouse nun acto ao que asistiron o reitor Senén Barro; o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, José Luis Mira; o director xeral de Promoción de Emprego, Andrés Hermida; o presidente da Comisión de Coordinación de Desenvolvemento da Rexión Norte de Portugal, Carlos Lage; o presidente do Consello Directivo do Instituto de Emprego e Formación Profesional de Portugal, Francisco Madelino; e o codirector do congreso, o profesor da USC Antonio Rial.
Logo do acto inaugural, o director de BIC Galicia, Enrique Vila, e Francisco Madelino pronunciaron a conferencia ‘O traballo emprendedor como motor de desenvolvemento persoal e socio-económico’.
deseguido tivo lugar unha mesa redonda sobre as institucións e o traballo emprendedor na que participaron os directores xerais José Luis Mira e Andrés Hermida; o delegado rexional do Instituto de Emprego e Formación Profesional do Norte de Portugal, Avelino Leite; a directora rexional de Educación do Norte de Portugal, Margarida Elisa Santos; e o profesor da USC Francisco Jesús Ferreiro. O programa desta primeira sesión complétase pola tarde, a partir das 19:00 horas, coa intervención da técnica de emprego Marta Amate López e do vicepresidente da Asociación Empresarial de Portugal, Paulo Nunes de Almeida, titulada ‘Os valores socioculturais e socioeconómicos da empresa do futuro’.
Programa do venresO programa previsto para o venres 26 comezará cunha mesa redonda sobre iniciativas e estratexias de formación para o autoemprego, ao que lle seguirá a conferencia de clausura do congreso na que o coordinador nacional da Estratégia de Lisboa e do Plano Tecnológico, Carlos Zorrinho, e a directora da Cátedra Jaime Vera de Emprendemento Social da USC, Elena Vázquez Cendón, falarán do fomento da cultura emprendedora na sociedade dende a perspectiva do I+D+i.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.10.2009.