Expertos internacionais analizan a pesca recreativa no Atlántico Ibérico
Os principais especialistas de España e Portugal en pesca marítima recreativa participarán este venres 11 e o sábado en Vigo nun obradoiro de diagnose da actividade e de identificación das súas necesidades máis urxentes nos ámbitos da ecoloxía, a xestión e a socio-economía.
Nas costas europeas hai preto de 10 millóns de pescadores recreativos que gastan anualmente 6.000 millóns de euros na súa actividade. Só en Galicia, a Consellaría do Mar emitiu o pasado ano máis de 60.000 licencias para o que é unha das formas más importantes de uso do litoral na nosa comunidade.
Diante destas cifras, os expertos advirten do elevado descoñecemento que se ten no Atlántico Ibérico sobre as repercusións socio-económicas e o impacto sobre os recursos pesqueiros da pesca recreativa, que fan perigar a sustentabilidade a longo prazo.
Para analizar todas estas variables un grupo de científicos, membros de diferentes administracións, pescadores profesionais e recreativos e representantes de ONGs e outros colectivos reuniranse esta semana no Liceo Marítimo de Bouzas de Vigo nunha xornada organizada, entre outros, polo investigador da USC Pablo Pita, membro do Grupo de Investigación en Análise Económica dos Mercados e Institucións.
O obradoiro está organizado polas Universidades de Santiago de Compostela, Minho e Aveiro, a Federación Galega de Pesca Marítima Responsable e Náutica de Recreo, WWF-ESPAÑA, a Federación Galega de Actividades Subacuáticas e o International Forum for Sustainable Underwater Activities. Conta ademais co apoio da Xunta de Galicia, a Confederación Española de Pesca Recreativa Responsable e a Federación Galega de Confrarías de Pescadores.