Ir o contido principal

Expertos internacionais debaten esta semana sobre educación universitaria en Santiago de Compostela

Representantes de universidades de todo o mundo participarán na XXI Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades (CGU)

Máis de medio cento de representantes de universidades de todo o mundo e unha ducia de expertos daranse cita durante este xoves 24 e o venres para debater sobre os retos da educación superior e as oportunidades que as rutas de aprendizaxe, como o Camiño de Santiago, ofrecen ás universidades. Esta reunión anual do Grupo Compostela de Universidades (CGU) comezará este xoves cunha serie de reunións internas, nas que se elixirá un novo presidente do Grupo e se fará entrega do premio do IV Concurso Internacional de Vídeo, que este ano recibe un grupo de estudantes da Universitat Jaume I. Sesión académica o venres O venres 25 terá lugar a sesión académica no edificio CINC da Cidade da Cultura a partir das 9.00 horas, dividida en tres sesións. A primeira, o Foro ‘As universidades do século XXI’ organizada en colaboración co Centro de Estudos Avanzados da USC, contará coa participación de Francisco Marmolejo, coordinador de Educación Terciaria no Banco Mundial; Martine Reicherts, directora-xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea; Jean-Pierre Bourguignon, presidente do Consello Europeo de Investigación; e Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación. A segunda parte da xornada, titulada ‘II Diálogos Compostela en Educación Superior’, ten como tema central a crecente intolerancia na Unión Europea e contará cunha conferencia, ás 12.00 horas, do filósofo italiano Nuccio Ordine, autor do manifesto ‘A utilidade do inútil’, ao que seguirá unha mesa redonda na que participarán os embaixadores de Malta e da República Checa en España, o presidente do CGU e a directora-xeral de Cultura da Comisión Europea. A última sesión desta xornada abrirase 15.30 horas coas intervencións de Francesco Cappé, presidente executivo da Fundación garagErasmus, e Vanessa Debiais-Sainton, xefa do equipo ERASMUS+ da Comisión Europea. A continuación presentaranse proxectos e iniciativas relacionadas co Camiño de Santiago e outras rutas de aprendizaxe. Tras a clausura desta xornada académica, o Colexio de Fonseca será o escenario da cerimonia de entrega do XIX Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, que este ano se concede ao programa Erasmus da Comisión Europea. O Grupo Compostela de Universidades O Grupo Compostela de Universidades é unha asociación internacional sen ánimo de lucro que traballa a prol da cooperación e a promoción do diálogo no eido da educación superior. Creada no ano 1993 por un grupo de universidades europeas, actualmente está formado por 64 membros procedentes de 27 países. A Secretaría executiva do CGU sitúase en Santiago de Compostela e conta, ademais, cunha delegación en Bruxelas. Á Asemblea Xeral do CGU asistirán arredor de medio cento de representantes de universidades e institucións de educación superior de todo o mundo e estará presidida polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey, e polo presidente do CGU, Maurits van Rooijen.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2015.