Expertos internacionais reúnense na USC para avaliar a influencia da economía na saúde

“A austeridade mata, deixa secuelas”. Deste xeito tan rotundo valorou lord David Owen esta mañá na Universidade de Santiago a actual situación económica internacional. O ex ministro británico, membro da Cámara dos Lores e médico fixo esta afirmación no transcurso dunha rolda de prensa xunto ao catedrático emérito do Instituto Karolinska de Estocolmo, Lennart Levi, para presentar os detalles dun encontro de expertos internacionais que este mércores e o xoves 18 se reúnen en Galicia para determinar a influencia da economía na saúde da cidadanía e achegar propostas para mitigar os efectos prexudiciais. Na mesma presentación participaron ademais o reitor Juan Casares e o catedrático de Farmacoloxía e director do Laboratorio de Estres e Neurinmunoloxía da Facultade de Medicina, Manuel Freire-Garabal. Investigadores do Laboratorio de Estres e Neurinmunoloxía da Facultade de Medicina da USC e da Universidade de Estocolmo, coa colaboración do Grupo Compostela de Universidades, organizan este encontro de traballo que teñen como nexo común a influencia da economía na saúde, con especial atención ao estres. Concretamente están programadas dúas sesións, o mércores 17 pola tarde na Coruña na Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia celebrarase unha xornada aberta ao público baixo o título ‘Estres, saúde e economía’ e o xoves 18 no Centro de Estudos Avanzados da USC (CEA) a porta pechada, co lema ‘Crise económica, desemprego, consecuencias sociais e sobre a saúde e efecto secundarios da acción e na inacción’. Ao encontro, coordenado por Manuel Freire-Garabal, acudirán expertos das universidades de Estocolmo, Lancaster, Pekin, Dusseldorf e Santiago, da London Business and Finance School, da London School of Economic and Political Science, da International School of Law and Business de Lituania, altos representantes da Organización Mundial da Saúde, da Unión Europea, da Asociación Sueca de Autoridades e Rexións, EUROFUND e o Work Research Centre de Dublín, entre outros. Na xornada do xoves 18 no Centro de Estudos Avanzados, o grupo terá entre os seus temas de traballo o impacto da crise económica na saúde, o benestar e as estratexias para contrarrestar os seus efectos negativos; as formas de abordar a investigación e a implementación de medidas dende o punto de vista bio-psicosocial; a incidencia da crise en Irlanda, España, Alemaña e en Europa. A discusión permitirá a definición de conclusións dende a perspectiva laboral e baseadas na psiquiatría social e opcións para a prevención e o afrontamento dende a política. Na xuntanza debaterase arredor do impacto da crise económica e o desemprego sobre a saúde e as condicións de vida das persoas, o custe social e económico resultante, ao tempo que se proporán medidas dende diferentes ámbitos para diminuír as súas consecuencias negativas sobre o benestar da poboación e a economía das empresas e dos países. Como en anteriores reunións do grupo, elaborarase unha declaración que constituirá o documento de traballo para un próximo encontro da OMS en Florencia en 2013 e unha xuntanza de ámbito europeo en Lituania en 2014. Potenciar o capital humano
Este grupo de traballo iniciou a súa andaina en 2009 na conferencia organizada durante as presidencias británica e sueca da UE no parlamento sueco (e na que tamén participaron representantes do Laboratorio de Estres e Neuroinmunoloxía da USC). Nesa ocasión adiantábase que a crise económica que se estaba instaurando semellaba dunha magnitude non experimentada dende a gran depresión na década de 1930. Para axudar a superala, o grupo propuxo a necesidade de potenciar o capital humano, favorecendo a existencia de máis e mellores traballos, xa que esta é a forma de promover o crecemento, mellorar a inclusión social e axudar a financiar sistemas de benestar. Así, presentáronse estudos sobre como reducindo o estres laboral no so se favorece a saúde dos traballadores, senón que tamén melloran as finanzas das empresas e as economías das nacións.
O reitor Juan Casares recibiu a Lennart Levi e David Owen no seu despacho en San Xerome. Foto: Alfonso-Servimav