Ir o contido principal

Expertos internacionais revisan na USC as novas metodoloxías estatísticas con aplicación nos ámbitos da biomedicina, bioloxía e a economía

Expertos internacionais revisan na USC as novas metodoloxías estatísticas con aplicación nos ámbitos da biomedicina, bioloxía e a economía
Expertos internacionais revisan na USC as novas metodoloxías estatísticas con aplicación nos ámbitos da biomedicina, bioloxía e a economía

O Centro Interdisciplinar de Bioestatística da USC (ICBUSC) que dirixe a catedrática de Bioestatística Carmen Cadarso Suárez acaba de reunir en Compostela a un grupo de expertos e expertas de Alemaña, Portugal ou Turquía no estudo de novedosas metodoloxías estatísticas con aplicación nos ámbitos da biomedicina, bioloxía e a economía a través de modelos de regresión distribucional. A xuntanza tivo un marcado carácter interdisciplinar coa presenza de especialistas en estatística, bioloxía, medicina ou física, así como de representantes do sector empresarial do ámbito farmacéutico e biotecnolóxico. O encontro científico dirixírono o profesor da Universidade de Goettingen (Alemaña), Thomas Kneib, especialista nos novedosos modelos estatísticos de regresión distribucional, e a investigadora da mesma universidade Nadja Klein, experta en modelos bayesianos. Ambos os dous apuntan que o fenómeno empírico da análise estatística está a gañar importancia en estudos de diversa índole, na medicina, bioloxía ou en medio ambiente, nos que é frecuente a utilización de datos de carácter complexo. Este tipo de estudos requiren de metodoloxías estatísticas máis flexibles que as existentes, ofrecendo unha información máis completa de cara á súa transferencia. A modo de exemplo, estes modelos estatísticos foron utilizados xa nun estudo sobre a malnutrición infantil na India, que permitiu dar un novo enfoque á relación entre a malnutrición crónica e a malnutrición aguda durante o crecemento. Segundo explican os investigadores, estes resultados axudan a un mellor entendemento das causas que provocan a malnutrición infantil, contribuíndo á súa redución. Outros exemplos de aplicabilidade deste tipo de metodoloxías, son a modelización estatística da duración das estanzas hospitalarias, ou o estudo de enfermidades complexas coma é o caso da diabetes e outras enfermidades crónicas, ámbito de estudo no que colaboran coa unidade de bioestatística da USC. Das conclusións derivadas da reunión destacan as achegadas pola profesora Maria Antonia Turkman, catedrática da Facultade de Ciencias da Universidade de Lisboa e coordinadora do Centro de Estatística e Aplicaçoes desta mesma facultade, que afirma que as técnicas estatísticas de regresión distribucional son de grande utilidade en áreas como o medio ambiente e máis en concreto no control de incendios forestais, ao permitir a modelización estatística da probabilidade de incendios e identificar os factores ambientais que os poden provocar, así como a súa representación espacial. Ademais, no ámbito da saúde, estas técnicas permiten estudar a prevalencia de multitude de enfermidades, tanto as frecuentes como as consideradas como raras. A profesora Turkman igualmente remarcou a necesidade de que as administracións públicas aposten pola formación estatística avanzada, indicando que nos actuais planos educativos as horas docentes nesta disciplina sufriron unha considerable redución.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.02.2015.