Expertos en oceanografía e hidráulica estatística e computacional porán en común en Santiago as súas investigacións
A dinámica de poboacións das pescadas na costa galega, as técnicas de xestión ambiental en zonas costeiras ou a circulación das mareas serán motivo de estudo no Workshop Oceanografía e Hidráulica Estatística e Computacional que, organizado polo Nodo Cesga de i-MATH, se desenvolverá o 27 de novembro na Facultade de Matemáticas da USC. A inscrición permanecerá aberta ata o día 24.
Esta xornada busca o encontro dos grupos de investigación que traballan dende diferentes disciplinas nun sector de enorme interese ambiental, social e económico no ámbito galego. Moitos dos modelos e estudos realizados na comunidade galega alcanzan un gran recoñecemento internacional unha vez exportados.
Trataranse cuestións como as diferentes técnicas de optimización para xestión ambiental en zonas costeiras ou os modelos dinámicos para a avaliación do estado de poboacións de peixes explotadas como a pescada na fachada atlántica da Península Ibérica. E é que o estudo da oceanografía e hidráulica estatística e computacional abrangue campos que permiten a súa aplicación aos derramos de hidrocarburos, á acuicultura de mar aberto ou á representación de fenómenos oceanográficos e hidráulicos, por poñer algúns exemplos.
No Workshop participarán investigadores da USC –a profesora Elena Vázquez Cendón é, xunto con Jacobo de Uña Álvarez, coordinadora do encontro-,do Instituto Español de Oceanografía (centros oceanográficos de Vigo e Coruña) así como do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC de Vigo e outros máis que traballan en diversos campos mutidisciplinares. Está prevista así mesmo a participación de técnicos de institutos públicos relacionados coa recollida e tratamento de datos mariños.
O encontro acollerá charlas relacionadas cos modelos matemáticos para simular problemas de oceanografía e hidráulica, os códigos desenvolvidos para resolución numérica dos modelos e a comparación con códigos comerciais, modelos estatísticos para a representación de fenómenos oceanográficos e hidráulicos observables baixo erro e tratamento estatístico de datos obtidos nas campañas de observación experimentais.