Os expertos en termodinámica máis prestixiosos do mundo reúnense na USC
Os máis relevantes especialistas internacionais no campo da termodinámica aplicada participan estes días na Escola Tecnica Superior de Enxeñaría de Santiago na vixésimo cuarta edición do Simposio Europeo de Termodinámica Aplicada.
O encontro, iniciado o pasado sábado organizado polos profesores Alberto Arce e Ana Soto, chegará este mércores 1 de xullo ao seu fin logo de ter analizado, entre outros temas, cuestións relacionadas co deseño de procesos e produtos, a termodinámica de polímeros, o estudo de propiedades termofísicas ou os posibles usos dunha novidosas e prometedoras substancias coñecidas como líquidos iónicos.
Coa participación de ao redor de 200 participantes de 35 países, o encontro chega a España por vez primeira logo de terse celebrado en distintas cidades europeas como Berlín, Amsterdam, Dortmund, Trieste ou Bergen, entre outras. O simposio, que se celebra dúas veces por trienio, incorporou neste edición unha sesión especial en memoria do investigador alemán Helmut Knapp, promotor e presidente de honra desta serie de reunións científicas, falecido o pasado mes de xaneiro.