Expertos da USC participarán na segunda xornada do I Foro Editorial de Estudios Hispánicos e Americanistas
A segunda xornada do I Foro Editorial de Estudios Hispánicos e Americanistas que se celebrará entre o 21 e o 23 de abril na Universidade Jaume I de Castellón contará coa participación de numerosos expertos da USC.
Así, esa sesión dedicada ás linguas e literaturas de España e América contempla a mesa redonda ‘A herdanza do escritor: investigación e xestión da memoria literaria’ na que interveñen os recoñecidos investigadores da USC Margarita Santos, directora da Cátedra Valle-Inclán; Claudio Rodríguez Fer, da Cátedra José Ángel Valente; e Ana Chouciño, da Alejo Carpentier; ademais de Juana Martínez Gómez, da Complutense e da revista Anales de la Literatura Hispanoamericana.O Foro pretende visualizar o libro universitario como vehículo privilexiado para a transmisión do coñecemento científico e, por iso, en paralelo ao Congreso terá lugar o I Salón del Libro Universitario UNE no que se exporán as principais novidades bibliográficas das editoriais universitarias españolas e latinoamericanas.
A historia, as linguas e as literaturas, a comunicación, a política e a cultura de España e América son os temas que se abordarán neste encontro titulado ‘España e América no Bicentenario das Independencias’ e que nace para converterse nunha cita bienal de referencia internacional na que se mostren as últimas investigacións e se favoreza a relación entre profesores e estudantes, hispanistas e americanistas de diversas nacionalidades.