Cómo explicar o número primo en dous minutos
Coa fin de promover a utilización do galego nas matemáticas e alentar a creatividade do seu alumnado, a facultade compostelá organizou un concurso de curtametraxes que retaba a explicar en dous minutos un concepto matemático en galego. Ao certame ‘Explícoche Matemáticas 2.0’ presentáronse cinco vídeos, resultando gañador o que leva por título Factorización en números primos, de Juan José Conde Veiga, que logra explicar os conceptos de número primo e factor primo ao grande público co uso de distintas linguaxes como a escrita, a oral, a matemática e a de signos. A curta de Conde, xunto co resto das presentadas, proxectarase este mércores 16 no acto de entrega do premio que terá lugar ás 13.00 horas na Aula Magna da Facultade coa participación da decana do centro, Victoria Otero, e do profesor Xosé Masa. O certame organizouse en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC e o Instituto de Matemáticas. En dous minutos Outro traballo presentado ao concurso foi A característica de Euler-Poincaré, da autoría de Carlos Lamas Fernández, Néstor León Delgado e Manuel Pacheco Caballero, vídeo de animación que obtivo un recoñecemento espacial do xurado pola súa “impecable” calidade técnica.
O resto dos vídeos son Matemáticas na pota do caldo 3.0, de José Manuel Rodríguez García, Marcos Vilas Rodríguez e Carla Yanes González; O problema de Monty‐Hall, de Jose Ameijeiras Alonso, Martín Blanco Álvarez, Olaia Trigo González e Lois Vázquez Costa; e O teorema de Pitágoras, de Marcos Matabuena Rodríguez, Ricard Trinchet Arnejo e Diego Troitiño Jordedo.