Ir o contido principal

Exploran na USC as técnicas computacionais que conducirán á medicina personalizada

Exploran na USC as técnicas computacionais que conducirán á medicina personalizada
Exploran na USC as técnicas computacionais que conducirán á medicina personalizada

A importancia das simulacións computacionais para resolver problemas biomédicos púxose de manifesto nunha recente reunión organizada na USC polos novos Centros Singulares de Investigación do Campus Vida da USC -CIQUS, CIMUS e CITIUS-. Durante anos os cálculos en ordenadores achegaron relevante información que permitiu aos químicos, biólogos e médicos entender a estrutura de todo tipo de moléculas, incluso complexas como proteínas e ácidos nucleicos (ADN e ARN), en moitas ocasións confirmadas mediante estudos de difracción de raios X. Non obstante nestes últimos anos, co aumento da potencia dos ordenadores, os e as especialistas en bioinformática comezaron a estudar procesos de maior calado. Deles falou no seminario o profesor de Oxford Mark Sansom, un dos grandes expertos mundiais en estudos de dinámica molecular, que mostrou as últimas investigacións sobre proteínas de membrana e achegou novas ideas sobre cómo desempeñan as súas funcións de regulación celular ou as interaccións cos virus. Como explicou, estes cálculos en vez de dar información estática das biomoléculas fano sobre a súa mobilidade e capacidade de adaptación. Pola súa banda, o investigador do CIMUS Jorge Amigo explicou como os recursos en computación de altas prestacións e almacenamento masivo do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) permiten agora afrontar a ultrasecuenciación do xenoma, cuxa finalidade próxima é diagnosticar en cuestión de poucas horas pacientes con patoloxías de base xenética. ”Agora somos capaces de procesar en dez días o que antes necesitaba ser analizado durante dez anos", dixo. Deseño de medicamentos Os modelos computacionais poden servir tamén de apoio no deseño de novos medicamentos mellorando as súas propiedades, segundo explicaron a profesora do CIQUS Concepción González Bello e o doutorando do CIMUS David Rodríguez Díaz. Ambos os dous cualificaron o momento actual de “nova era” na que as simulacións son cada vez máis importantes para os científicos achegando información valiosa sobre as bases dos procesos biolóxicos. Como comentou o profesor Sansom, a medicina personalizada está cada vez máis próxima, “e para chegar a ela as simulacións serán fundamentais”. Na mesma liña que Sansom, a investigadora do CIQUS Rebeca García Fandiño expuxo os seus estudos con modelos sintéticos de nanotubos peptídicos aplicados a entender o mecanismo do transporte celular, proceso de gran importancia que permite ás células alimentarse, comunicarse con outras ou defenderse. Xenética A minería avanzada de datos e a súa relación coa xenética tamén foi unha cuestión tratada na xornada. O profesor Antonio Bahamonde, da Universidade de Oviedo, mostrou como as técnicas computacionais permiten mellorar a asociación entre o xenoma dos individuos e as patoloxías con causa xenética, o que facilitará a diagnose das enfermidades asociadas. Pola súa parte, investigadores do CITIUS expuxeron como as técnicas de ‘Data Mining’ permiten obter avances moi importantes no procesado de datos xenéticos e biomédicos. Por exemplo, Puri Cariñena demostrou que poden ser aplicadas sobre rexistros de pacientes con apnea do sono e facilitar as diagnoses médicas.

Ademais, as estratexias de programación evolutiva poden ser utilizadas para a aprendizaxe de estruturas xenéticas comúns dun conxunto de individuos. A este respecto, o experto Manuel Mucientes puntualizaba que “este tipo de técnicas son moi efectivas e permiten aos especialistas en xenética mellorar a interpretación da gran cantidade de información xenómica que está xerando o avance da bioinformática’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2012.