Explorar a demencia en todas as súas dimensións dende a experiencia persoal

A Universidade de Santiago de Compostela será novamente unha das protagonistas do evento internacional Walking the Talk for Dementia (WTD), que reunirá en agosto de 2025 cerca de 100 participantes de máis de 25 países, incluíndo persoas con demencia, persoas coidadoras, investigadoras, profesionais da saúde e artistas.
O evento, que combina camiñada, intercambio científico e experiencias comunitarias, desenvolverase entre os días 24 e 31 de agosto (Camiño de Santiago do 25 ao 28, e simposio os días 29 e 30) coa axuda institucional da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura e o apoio científico do Mestrado en Psicoxerontoloxía da Facultade de Psicoloxía. Coordinado por Fernando Perez, por parte da USC na organización están David Facal Mayo e Alba Felpete López, do Instituto de Psicoloxía, que contan coa colaboración de AGADEA.
Ademais, por segundo ano, un grupo de voluntarias coordinadas pola USC realizará tarefas de apoio no camiño e durante o simposio, e unha parte dos participantes aloxaranse na Residencia Burgo das Nacións.
Inspirarse na vida real
WTD é unha conferencia inmersiva de múltiples partes interesadas que explora a demencia a través de diversas experiencias e perspectivas. A viaxe comeza cunha camiñada de 4 días que cobre 40 quilómetros na que as persoas participantes se conectan entre elas, exploran temas relacionados cos seus desafíos na demencia e fomentan diversas perspectivas para remodelar ideas e comportamentos, tanto profesional como persoalmente.
Logo da experiencia inmersiva, as persoas participantes reuniranse nun simposio de dous días para discutir proxectos, consolidar reflexións e fomentar solucións e colaboracións colectivas inspiradas en experiencias da vida real.
