Ir o contido principal

Expoñen en Psicoloxía os resultados dunha investigación que establece un protocolo de valoración e xestión do risco para menores en situación de conflito e desprotección social

A Unidade de investigación de prevención e tratamento de problemas de conduta (UDIPRE) da USC traballou todo este ano no proxecto ‘Ampliación das oportunidades de reinserción social de adolescentes que cumpren medidas xudiciais en Perú’, financiado pola Axencia Galega de Cooperación e que está a piques de rematar. Un dos seus obxectivos é adaptar a Perú un protocolo de valoración de risco para menores infractores (VRAI) validado previamente noutro proxecto coordinado con outras universidades titulado ‘Validación dun protocolo informatizado para a valoración e xestión do risco de menores en situación de desprotección social’ e financiado polo Ministerio de Economía. Neste proxecto máis amplo colaboraron a Dirección Xeral de Familia e Inclusión Social da Xunta de Galicia así como FAIBEN e CAMIÑA SOCIAL, organizacións representativas no eido de menores infractores e menores de protección, que traballaron en nove institucións dedicadas á execución de medidas xudiciais e 19 de protección de menores. En recoñecemento ao esforzo de todos os centros que participaron nos proxectos, coordinados pola catedrática de Psicoloxía Social da USC Ángeles Luengo, o grupo UDIPRE organiza este venres 19 a xornada de cooperación institucional ‘O protocolo VRAI: a súa utilización no sistema de Xustiza e protección de menores’. A partir das 10.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía, daranse a coñecer os principais resultados da investigación así como as súas implicacións de cara á súa aplicación para o traballo con menores en situación de risco social. Tamén se exporá a adaptación e os resultados do protocolo desenvolvido en Perú. A xornada será inaugurada nun acto no que participan a propia Ángeles Luengo, unha representante da Consellaría de Traballo e Benestar, e representantes das Fundacións Camiña Social e FAIBEN e do Proxecto ORSAP de Perú. Será a profesora Luengo que, a partir das 11.00 horas, presente o protocolo VRAI e os resultados da súa aplicación. A continuación, o profesor José Antonio Gómez-Fraguela fará o propio adaptando o protocolo ao contexto peruano.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.12.2014.