A exposición do 13 Maratón Fotográfico do Campus de Lugo trasládase á Facultade de Ciencias
A exposición do 13 Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, organizado por Lugo Cultural, trasladarase mañá martes, día 25, á Facultade de Ciencias onde permanecerá ata o vindeiro 18 de outubro.
Nesta mostra pódense ver tanto as fotografías premiadas coma o resto de traballos realizados polos participantes na pasada edición do Maratón celebrada en maio. A exposición rotará por varias facultades e centros lugueses ata o 10 de decembro, data na que se poderá visitar no Centro Uxío Novo Neyra da cidade. Deste xeito, tamén se poderá gozar das fotografías na Facultade de Dirección e Administración de Empresas entre o 22 de outubro e o 22 de novembro.
Esta iniciativa, que xa vai pola súa treceava edición, está organizada por Lugo Cultural, colectivo do que forman parte a USC, o Concello de Lugo, Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo e a Fundación Caixa Galicia.