Ir o contido principal

Unha exposición amosa en Lugo 58 fotografías de Carlos Valcárcel cedidas á USC

A mostra, de grande valor etnolóxico, pódese ver na Facultade de Veterinaria ata o 14 de maio

O fotógrafo lugués Carlos Valcárcel cedeu á USC un conxunto de 75 fotografías que realizou dende os anos sesenta en diferentes celebracións e paisaxes de Galicia.
Cincuenta e oito desas fotografías amósanse na exposición ‘Carlos Valcárcel. Fotografías 1969-2001’ que este xoves se inaugurou na Sala Isaac Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo, coa presenza do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos da USC, Marta Miranda; a vicedecana de Estudantes e Relacións Exteriores de Veterinaria, Patricia Fernández de Trocóniz; representantes das demais institucións que compoñen Lugo Cultural; e o propio Carlos Valcárcel.
Estas fotografías, feitas con cámara analóxica e en branco e negro, teñen un destacado valor etnolóxico, xa que permiten facer un percorrido pola historia de Galicia nos últimos corenta anos a través das súas paisaxes e as súas xentes. Entre as obras expostas figuran algunhas da feira de Monterroso dos anos 60, das festas de San Froilán ou da situación do poboado xitano do Carqueixo na década dos 70, singulares imaxes dalgunhas das máis coñecidas praias luguesas e mesmo unha fotografía tomada ao escritor Uxío Novoneyra acendendo un cigarro na porta da súa casa.
Carlos Valcárcel explicou que decidiu ceder estas fotografías aos fondos da USC porque considera que “pola súa labor social e cultural é o lugar máis axeitado” para conservar e divulgar unha parte importante da súa obra que supón unha “pequena historia da sociedade galega”.
A mostra pódese visitar na Facultade de Veterinaria ata o vindeiro 14 de maio, en horario de 9:00 a 21:00 horas de luns a venres.
Carlos ValcárcelCarlos Valcárcel Gay naceu en Lugo no ano 1929 e dende moi novo interesouse polo debuxo, unha afección que o acabaría levando a interesarse pola composición fotográfica.
Dende que nos anos sesenta comezou a súa actividade fotográfica, Valcárcel participou en numerosas exposicións, tanto individuais como colectivas, que se puideron ver en diversos puntos de España como Lugo, Lleida, Madrid, Barcelona ou Tarragona, e recibiu numerosos recoñecementos. Entre eles, o primeiro Premio internacional de Bos Aires en 1970 ou Primeiro Premio Concurso Provincial de Lugo en 1987.
Sobre o seu traballo fixéronse referencias en boa parte das revistas españolas especializadas en fotografía, e o seu nome aparece no libro Historia de la fotografía da francesa Marie-Loup Sougez. Vintedúas das súas obras están incluídas no vídeo-disco que, sobre a fotografía española, editou o Proxecto ‘4 Direccións’ en colaboración co centro de documentación do Centro de Arte Raíña Sofía.
A relación de Carlos Valcárcel coa USC vén de lonxe, pois xa no ano 2004 realizou unha exposición na Igrexa da Universidade cunha recompilación das súas obras máis representativas, e no 2007 cedeu á USC unha das súas fotografías dunha paisaxe invernal do Cebreiro, que pasou a formar parte dos fondos da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.04.2010.