A exposición ‘A cerámica castrexa en Galicia’ abre as súas portas este mércores no Colexio de Fonseca

A sala de exposicións do Colexio de Fonseca será a porta de entrada a partir deste mércores 10 ao mundo da cerámica castrexa en Galicia a través dunha mostra que exhibe unha selección de pezas sobre as que se coñece a súa forma completa e das que se ten ampla información, incluíndo dende as pezas máis comúns ata as máis decoradas, trazando un percorrido pola Idade do Ferro en Galicia. A inauguración oficial da mostra terá lugar nun acto ás 20.00 horas no Colexio de Fonseca no que estarán presentes a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; o presidente e o vicepresidente da Fundación Terra Termarum de Castrolandín (Cuntis), Olimpio Arca e Antonio Pena Abal, respectivamente. Nesta sesión, a responsable do obradoiro de restauración da Fundación, Sandro Obarrio, realizará unha explicación dos contidos da mostra e o cantautor Manoele de Felisa interpretará dúas pezas a partir de letras de Roberto Blanco Torres. Todos os centros de ensino de Santiago, a súa comarca e do resto de Galicia, así como outros colectivos interesados poderán concertar visitas a esta proposta expositiva, aberta ao público de luns a venres de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas e os sábado pola mañá. Os centros e colectivos interesados en realizar estas visitas poden xestionalas poñéndose en contacto coa Área de Cultura no teléfono 881.811.018. Esta iniciativa é o resultado do proxecto de investigación e recuperación da Cerámica Castrexa en Galicia realizado pola Fundación Terra Termarum. O proxecto proponse a elaboración dunha colección de réplicas cerámicas completamente documentadas no plano formal, que inclúa referencias históricas e arqueolóxicas en canto aos acabados, texturas e formas e tratando de caracterizar con elas o conxunto tipolóxico documentado dos castros galegos de referencia. Terra Termarum dirixe a súa actividade a profundar no coñecemento da cultura castrexa mediante a posta en valor do castro de Castrolandín (Cuntis) e o estudo do material procedente das escavacións levadas a cabo neste xacemento no marco dun obradoiro de réplicas arqueolóxicas cerámicas. En 2004 comezou o estudo pormenorizado e sistemático do repertorio cerámico recuperado no castro a nivel tecnolóxico, realizando prácticas interpretativas que permitiron obter a información sobre os procesos de elaboración e as reconstrucións das pezas completas, ademais de identificar os tipos máis representativos das cerámicas do xacemento.