Ir o contido principal

Unha exposición conmemora o centenario do nacemento do compositor Carlos López García-Picos

A mostra presenta a singularidade de propoñer unha viaxe visual pero tamén unha paisaxe sonora a través de nove gravacións. FOTO: Santi Alvite
A mostra presenta a singularidade de propoñer unha viaxe visual pero tamén unha paisaxe sonora a través de nove gravacións. FOTO: Santi Alvite
Permanecerá aberta ao público ata o 25 de novembro, no claustro alto do Colexio de Fonseca
Santiago de Compostela

O centenario do nacemento de Carlos López García-Picos (1922-2009), compositor betanceiro que emigrou a Bos Aires e estudou en París, é a base da mostra que este martes 15 botou a andar no claustro alto do Colexio de Fonseca e que recolle  diversas facetas da personalidade do autor. Creador musical en contacto coas vangardas de Galicia, Bos Aires e París; director de coros nestas dúas cidades, dinamizador do asociacionismo musical a ambas as marxes do Atlántico ou figura do galeguismo bonaerense conforman algunhas das facianas ás que se pode acceder na exposición comisariada por Javier Ares Espiño e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno.

A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, presidiu o acto inaugural no que tamén participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o concelleiro de Educación, Deporte, Urbanismo, Casco Histórico e Patrimonio do Concello de Betanzos, Andrés Teijo, alén dos comisarios desta exposición que se organiza en cinco bloques temáticos e que permanecerá aberta ao público ata o  25 de novembro, con entrada libre e de balde.

Gravacións

A mostra presenta a singularidade de propoñer unha viaxe visual pero tamén unha paisaxe sonora a través de nove gravacións que intercalan algunhas das súas obras máis representativas con intervencións do propio García-Picos a través dunha entrevista realizada polo barítono, escritor e crítico musical Antón de Santiago na Radio Galega no ano 1988. O mecanismo para realizar esta visita sonora é mediante un dos códigos QR que aparecen no espazo. Os outros dous códigos QR están destinados ao programa da exposición e á publicación da biografía do compositor, para ampliar toda a información exposta.

A vicerreitora Pilar Murias presidiu o acto inaugural.
A vicerreitora Pilar Murias presidiu o acto inaugural.
Javier Ares Espiño e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno, comisarios da mostra
Javier Ares Espiño e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno, comisarios da mostra
Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2022.