Ir o contido principal

A exposición ‘A Domus do Mitreo’ ofrece un horario especial co gallo das festas de San Froilán

A mostra poderá visitarse de martes a venres e pechará os sábados

A mostra ‘A Domus do Mitreo’, que se pode ver na sala de exposicións da Casa do Saber do Campus de Lugo, terá un horario especial de visitas co gallo das festas de San Froilán. Así, a mostra poderá verse os días 5, 8, 9 e 12 de outubro de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas e os días 6, 7, 10 e 11 polas tardes de 18.00 a 21.00. Ademais existe a posibilidade de realizar visitas guiadas ás 19.00 e ás 20.00 horas todos os días. Neste último caso, é preciso concertar a visita chamando ao teléfono 982.8 21.513. ‘A Domus do Mitreo’ é unha exposición que nace das actuacións arqueolóxicas que se levaron a cabo no transcurso dos traballos de rehabilitación e construción da sede administrativa da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo e do seu edificio anexo, coñecido como E=mc 2.O obxectivo final da mostra é dar a coñecer, a través de breves pinceladas, a vida cotiá nesa Domus romana e a súa evolución a través do tempo a partir dos materiais atopados na área que se sitúa baixo os edificios e as rúas circundantes e que define diferentes espazos e cronoloxías. O Mitreo de Lucus é un dos poucos monumentos mitraicos de España que poden ser datados con fiabilidade como pertencentes ao século terceiro d. C. e que se mantén no século cuarto d. C., segundo o investigador. Como mostra disto está a ara fundacional de granito atopada na nave do templo, unha das pezas centrais da exposición que alberga gran cantidade de información e permite unha nova interpretación da introdución do mitreísmo en Hispania. O resto dos elementos que compoñen o espazo expositivo completan o percorrido do que foi a vida cotiá dos moradores desta construción. Amósanse pezas representativas exhumadas na escavación como son vidros, metais, ósos, útiles de tear ou elementos de numismática. Destacan outros coma o entalle de cornalina laranxa que se utilizou como icona desta exposición e que leva tallada unha figura alada en representación dunha vitoria.

Pese a que os elementos escollidos inciden principalmente no Mitreo e no seu culto, tamén se representa o período medieval a partir do material da necrópole encontrada correspondente a esa etapa e que permite un estudo osteoarqueolóxico dos habitantes da urbe naquel momento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.10.2011.