Ir o contido principal

Unha exposición en Fonseca conmemora os 40 anos de FOGA

Unha exposición en Fonseca conmemora os 40 anos de FOGA
Unha exposición en Fonseca conmemora os 40 anos de FOGA
A inauguración será este xoves 3 ás 20.00 horas

Co obxecto de difundir a arte non convencional por toda Galicia, o 7 de febreiro de 1975 dáse a coñecer o Fato Ounirista Galego (FOGA) coa súa primeira exposición na Escola de Artes Mestre Mateo de Santiago. Conformaban aquel primeiro grupo Yayo, Kukas e J. Méndez, aos que se sumarán Anselmo Lamela e Luis Fega nunha exposición en Cedeira. Xa en xuño do mesmo ano na sala de exposicións de ANUE en Santiago realizan unha mostra colectiva na que tamén participan Doro e J. Garcia.

Este xermolo dun grupo que nos anos 70 e seguintes suporía un revulsivo no mundo artístico galego e a súa evolución no tempo conforman a mostra que este xoves 3 se inaugurará ás 20.00 horas no Colexio de Fonseca da USC. A exposición conmemorativa dos 40 anos do grupo e que comisaría Cristina Carballedo aparece cun formato de obra colectiva, unha soa peza tridimensional elaborada por todos os compoñentes, que foron os encargados de titular cada peza dunha maneira orixinal.

Historia do colectivo
Cara finais de 1975 a nómina de artistas increméntase con Francisco Leiro, Lino Silva e Seara, momento no que se decide manter unha mensaxe menos “onírica” e facer máis fincapé na individualidade dos membros do grupo, que sobre todo pretende a unión entre todas as manifestacións da arte. Así, figuran outras personalidades como Manuel Hermida (cantautor) ou Gabriel del Castillo, (dramaturgo) ao que hai que engadir o carácter polifacético dalgúns dos seus integrantes que acabaría cristalizando na mostra do Colectivo Tornillo a finais de 1982 no Modus Vivendi de Santiago, para a que se interveu todo o espazo, dende as mesas que imitaban paquetes postais personalizados por cada artista ata o teito no que se realizaron composicións abstractas.

Incorpóranse a este evento Rosalía Pazo, María Coira, Isabel Rei, Dolores Seoane e Antonio Nodar. Entre as actividades expositivas incluíanse sesións de mimo, recitais poéticos, musicais e performances interactivas nas que se executaban obras que eran despois entregadas ó público.

A mostra do Colexio de Fonseca permanecerá aberta ata o 7 de xaneiro de 2016 en horario de luns a sábado de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.12.2015.