A exposición 'O Himno. Os tempos son chegados' chega á USC
O Claustro do Colexio de Fonseca acolle a partir deste mércores, día 30, a mostra ‘O Himno. Os tempos son chegados’, proposta expositiva de carácter itinerante da Vicepresidencia da Xunta de Galicia que chega agora á Universidade de Santiago.
A inauguración oficial da exposición celebrouse este mércores 30 no propio Colexio de Fonseca nun acto presidido polo vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres, e no que tamén interviñeron o secretario xeral de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia, Xoán Antón Pérez Lema, e o comisario da mostra, Miguel Anxo Seixas.
Na apertura, o vicerreitor de Cultura estimou que, ata o vindeiro 31 de agosto, preto de 25.000 persoas sumaranse aos 50.000 visitantes acadados nas pasadas edicións da mostra e, deste xeito, achegar os símbolos de Galicia, “descoñecidos actualmente por parte importante da poboación”.
Na mesma liña, Pérez Lema destacou a finalidade didáctica da exposición que facilita o coñecemento dos símbolos non só entre os galegos e galegas senón tamén no exterior. Por iso, os folletos que se entregarán na Universidade de Santiago traducíronse por vez primeira ao castelán e ao inglés.
Sobre o Himno, Miguel Anxo Seixas lembrou que recolle na súa letra e música características representativas da comunidade como son a xeografía, “a terra verdecente”; a arquitectura, “confín dos verdes castros”; ou aos intelectuais que “bos e xenerosos” mantiveron estes símbolos vivos ata hoxe.
A mostra‘O Himno. Os tempos son chegados’ conmemora o centenario da primeira interpretación do Himno galego no Teatro Tacón da Habana o 20 de decembro de 1907. Xorde nunha época na que as sociedades de emigrados son un fervedoiro de iniciativas políticas, sociais e culturais que sinalan novos horizontes de liberdade e prosperidade.
A partir de 1909, comeza a xeneralizarse en Galicia a interpretación pública do himno ao mesmo tempo que empeza a popularizarse o uso da bandeira azul e branca. Os dous símbolos representan hoxe aos galegos e galegas.