A exposición ilustraMundos prorrógase ata o 20 de maio
A exposición ilustraMundos, inaugurada o pasado 20 de febreiro no Colexio de Fonseca e organizada polo proxecto campUSCulturae da Universidade de Santiago de Compostela, prorrógase ata o 20 de maio dada a alta afluencia de visitantes e a demanda de visitas guiadas. Ilustramundos está configurada como unha viaxe por dez culturas do mundo, da man da obra dos ilustradores e ilustradoras Carme Solé Vendrell (Cataluña), Elena Odriozola (Euskadi), Kristina Sabaite (Lituania), Fernando Vilela (Brasil), Piet Grobler (Sudáfrica), Joanna Domanska (Polonia), Marc Taeger (Suíza), Mónica Weiss (Arxentina), Machiel Braaksma (Países Baixos) e dos galegos David Pintor e Antonio Seijas. Parte das obras expostas na mostra incluiranse no fondo inaugural do Museo Internacional da Ilustración, iniciativa ideada por campUSCulturae e seleccionada pola Culture Agency da Comisión Europea como un dos 10 proxectos culturais financiados pola UE ao longo dos próximos cinco anos a través do programa ‘Culture’. Dada a dimensión didáctica da exposición, foron moitos os centros de ensino de toda Galicia así como asociación recreativas e culturais, e mesmo vencelladas a centros sanitarios, os que solicitaron poder realizar a visita guiada da exposición da man dos seus comisarios, Irene García García e Xosé A. Neira Cruz, coordinadores do proxecto campUSCulturae que conta con financiamento da Culture Agency da Comisión Europea. Microespazos televisivos En coincidencia con esta ampliación, a Televisión de Galicia comezará a emitir unha serie de 11 microespazos dedicados á exposición, serie igualmente ideada e producida por campUSCulturae.