Ir o contido principal

A exposición ‘Rolando 2:15-2:45. 50 anos da primeira masacre de ETA’ recibe o Premio Manuel Pérez Ledesma

Nena ferida no atentado da cafetaría Rolando. Fonte: Arquivo Rexional da Comunidade de Madrid, Fondo Martín Santos Yubero
Nena ferida no atentado da cafetaría Rolando. Fonte: Arquivo Rexional da Comunidade de Madrid, Fondo Martín Santos Yubero
A mostra foi comisariada na USC por José Julio Fernández e Luis Velasco
Santiago de Compostela

A exposición Rolando 2:15-2:45. 50 anos da primeira masacre de ETA, que foi co comisariada na Universidade de Santiago de Compostela polos investigadores do Centro de Estudos de Seguridade José Julio Fernández Rodríguez e Luis Velasco, acaba de ser recoñecida co IV Premio de Divulgación en Historia Contemporánea Manuel Pérez Ledesma que outorga a Asociación de Historia Contemporánea. A exposición comisariada por Gaizka Fernández Soldevilla e Ana Escauriza foi presentada en diversas universidades de España, entre elas a de Santiago de Compostela.

O xurado, composto polos expertos Matilde Eiroa San Francisco, Pilar Toboso Sánchez e Vicent Sanz Rozalén, destacou a relevancia histórica da temática abordada e a capacidade divulgativa dunha mostra que combina recursos como podcasts, vídeos, testemuños e bibliografía especializada. Tamén foi valorada a súa flexibilidade de presentación —en formato completo ou reducido— e a súa destacada repercusión mediática. Así o traballo de Fernández Soldevilla e Escauriaza, comisarios da mostra, logrou un maior impacto grazas á colaboración de partners locais, como os profesores Luis Velasco e José Julio Fernández.

A mostra foi exhibida en distintas institucións e centros, entre eles a Universidade de Santiago de Compostela, contribuíndo de maneira significativa á transmisión do coñecemento histórico contemporáneo a públicos diversos. Na clausura da mostra realizada na Facultade de Dereito da USC interviñeron, ademais dos profesores Velasco e Fernández, o catedrático de Dereito Constitucional Roberto Blanco Valdés e a vítima do atentado Mero Barral. A testemuña de Mero Barral, en palabras de Luis Velasco, “foi un recordatorio dos condicionantes que marcaron a construción da democracia española”.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2025.