Ir o contido principal

Unha exposición en Xeografía e Historia analiza a importancia de '500 anos de emigración galega a Lisboa'

A exposición ‘500 anos de emigración galega a Lisboa’ abrirá as súas portas ao público na Facultade de Xeografía e Historia este mércores 29. A mostra é unha proposta multimedia e multidisciplinar de Xan Leira que chega á facultade compostelá coa colaboración da Cátedra Unesco 226 sobre Migracións da USC despois de percorrer diversos puntos da xeografía galega e portuguesa.
Concibida dentro dunha serie de producións que Xan Leira realiza por mor do Centenario da Xuventude de Galicia – Centro Galego de Lisboa, a mostra ofrece unha visión analítica e reflexiva do fenómeno da emigración galega a Lisboa, facendo un percorrido polos máis de 500 anos da súa historia, a través do testemuño de investigadores neste ámbito e dos propios emigrantes cuxas familias, nalgúns casos, emigraron no século XVI.
Tras os paneis que os visitantes poden contemplar en Xeografía e Historia, atópase un arduo labor de investigación histórica que contou coa participación de máis dun cento de emigrantes, última xeración dunha tradición migratoria que se remonta á Idade Media. Unha das ideas sempre presentes no material exposto destaca o feito de que “a Lisboa de hoxe en día non se pode entender como tal sen ter en conta a achega secular dos emigrantes galegos”, apuntan os promotores desta produción.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.04.2009.