A exposición 'X.M. TOMÉ, antolóxica' inaugúrase este xoves no Colexio de Fonseca
O Colexio de Fonseca acollerá dende este xoves, día 12, e ata o 7 de outubro a exposición ‘X.M. TOMÉ, antolóxica’ que permitirá ao visitante coñecer e entender a traxectoria artística deste pintor, compostelán de adopción. A mostra inaugurarase nun acto institucional este xoves ás 20:00 horas.
Previo ao acto inaugural, ás 11:45 horas, terá lugar unha rolda de prensa na propia sede da mostra na que participarán o vicerreitor de Cultura, Elías Torres; o xerente do Auditorio de Galicia, Pablo Rodríguez; o director do Museo do Pobo Galego, Carlos García; e o director de Comarca de Caixanova, Gabriel González, representantes todos eles das entidades que colaboran nesta produción. Ao remate da rolda de prensa, o comisario da mostra, Federico López Silvestre, realizará un percorrido por ela cos xornalistas interesados.
A exposición acompáñase dun completo catálogo que compendia a vida e obra de Xosé Tomé, elaborado grazas á colaboración entre a USC e Caixanova, que recentemente asinaron un convenio para a catalogación completa da súa obra.