Ir o contido principal

Os factores de risco cardiovascular e os trastornos alimentarios, a debate nas III Xornadas de Nutrición Clínica e Dietética Aplicada

O vicerreitor Pedro García Herradón abre este venres en Ciencias o foro da Asociación Galega de Dietistas e Nutricionistas, no que participan uns 150 alumnos e profesionais

A terceira edición das Xornadas de Nutrición Clínica e Dietética Aplicada de Galicia, un foro organizado pola Asociación Galega de Dietistas e Nutricionistas, congregarán este venres na Facultade de Ciencias a preto de 150 estudantes e profesionais, que debatirán sobre temas actualidade e de interese social como o son a importancia da dieta á horade previr riscos cardiovasculares, os trastornos da conduta alimentaria ou as alerxias e intolerancias alimentarias.

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, abrirá este venres, a partir das 9.15 horas, no salón de actos José Rodríguez Mourelo da Facultade de Ciencias, este foro no marco dun acto inaugural no que tamén intervirán o decano da facultade, José Manuel Martínez Ageitos; o presidente da Asociación Galega de Dietistas de Nutricionistas, José Antonio López, e Cleofé Pérez-Portabella, dietista nutricionista da Universidad Vic-Vall d’Hebron de Barcelona. O programa das III Xornadas de Nutrición Clínica e Dietética Aplicada en Galicia é moi ambicioso, segundo salienta José Antonio López, quen ademais do interese da temática a abordar nos distintos relatorios, destaca tamén a calidade e o prestixio dos distintos profesionais convidados a participar como relatores nun foro pretende promocionar a figura do dietista e nutricionista como un membro máis dentro dun equipo médico multidisciplinar. A elección da Facultade de Ciencias do campus de Lugo como sede deste foro por terceiro ano consecutivo obedece, segundo indica José Antonio López, ao feito de que a sede universitaria luguesa é a única de Galicia na que se imparte a titulación de Nutrición Humana e Dietética. De feito, este grao universitario conta na actualidade cuns 250 estudantes matriculados na Facultade de Ciencias, da que a finais do presente curso académico sairá a primeira promoción de graduados. Programa das xornadas A directora da Sociedade Latinoamericana de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición e xefa do Servizo de Nutrición e Dietoterapia do Hospital de Niños de la Plata, a pediatra arxentina Adriana Fernández, falará das técnicas culinarias de elección como estilo de vida saudable no relatorio inaugural das xornadas. A dieta e os factores de risco cardiovascular será, de seguido, o eixo temático dunha mesa redonda na que intervirán as nutricionistas Iria Busto e Verónica Sánchez. A Primeira abordará as adaptacións dietéticas na hipertensión arterial e na hipercolesterolemia, mentres que a segunda explicará os beneficios e as vantaxes dos filoesteroles. O leite materno: mitos e verdades, é o tema do relatorio que ofrecerá o dietista e nutricionista Julio Basulto, que lembrará na súa intervención os beneficios da lactancia materna cara o desenvolvemento do sistema inmunolóxico dos bebés. A proxección dun vídeo elaborado co gallo dos 25 anos da Sociedade Española de Dietistas e Nutricionistas, comentado por Cleofé Pérez-Portabella, e un relatorio sobre as recomendacións nutricionais baseadas na evidencia para a prevención de o tratamento do sobrepeso e da obesidade en adultos, servirán de peche da quenda de mañá das xornadas. Unha táboa redonda sobre as declaracións nutricionais e das propiedades saudables dos alimentos e o nutricionismo, na que intervirán como relatores o biólogo Juan Revenga e a experta en nutrición Raquel Bernárcer, coautora do libro ‘Comer o no comer’, e outra sobre trastornos da conduta alimentaria, retomarán a actividade das xornadas en quenda de tarde. A imaxe corporal e os trastornos de conduta alimentaria ea importancia da reeducación nutricional para evitar esta problemática centrarán as intervencións de Maira Lameiros e Patricia Bieiro nesta sesión. As III Xornadas de Nutrición Clínica e Dietética Aplicada de Galicia concluirán cun relatorio sobre alerxias e intolerancias alimentarias, a cargo da especialista en Endocrinoloxía e Nutrición do Sergas Ana Cantón, así como cunha táboa redonda na que Aritz Urdampilleta e José Antonio López abordarán cuestións relativas a limitacións e aspectos fisiolóxicos e nutricionais a ter en conta á hora dunha planificación dietética en deportes e resistencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2013.