A Facultade de Ciencias está a desenvolver unha nova edición das Xornadas de Divulgación Científica e Tecnolóxica
Estudantes da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo están a impulsar unhas novas Xornadas de Divulgación Científica-Tecnolóxica que se prolongarán deica o venres 1 de abril. Os alumnos de Química Industrial deste centro son os responsables da sexta edición desta actividade que deu comezo o mércores 30 na propia Facultade.
Na xornada do xoves diversos poñentes vinculados a varias institucións e profesores universitarios achegaron aos asistentes aspectos coma o funcionamento do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral; a seguridade nos proxectos de enxeñaría, a graxa nos alimentos de orixe animal e os seus efectos na saúde; a fixación do dióxido de carbono mediante complexos metálicos; a protección de cultivos para evitar pragas e patóxenos; os sistemas de tratamento de augas residuais, o cultivo do carbono no cambio global ou a importancia da pegada ecolóxica. Para o venres 1, novamente a partir das 9:30 horas, terá lugar unha nova xornada de charlas que se abrirá cun relatorio titulado ‘Documentos gráficos de La Química y los bosques’. Posteriormente, organizarase outra baixo o título ‘Está cientificamente demostrado que...’. Despois do descanso, arredor das 12:30 horas será o momento para falar de Técnicas CAC e a súa aplicación en centrais térmicas; a continuación un profesor da Politécnica ofrecerá unha conferencia dende a experiencia das investigacións mediante simulación numérica de estruturas de madeira. ‘¿Poden as moléculas cambiar o noso mundo?’ é a pregunta arredor da que xirará o penúltimo dos relatorios para que unha nova táboa de debate e a temática das enerxías renovables poñan o punto e final a esta edición.