A Facultade de Ciencias e Económicas e Empresariais condena os actos contra María San Gil
A Xunta de centro da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, en relación cos actos violentos do pasado 12 de febreiro no transcurso dunha conferencia de María San Gil, vén de aprobar o seguinte acordo:
“Perante os incidentes acontecidos na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais o pasado 12 de febreiro de 2008 e ante a inesperada e ampla atención que os medios de difusión lles veñen concedendo, a Xunta de Facultade quere manifestar o seguinte:
1) A súa condena ás actitudes intolerantes, excepcionais nesta Facultade e nesta Universidade, o seu rexeitamento a todo tipo de violencia e o seu inequívoco compromiso coa liberdade de expresión fóra e dentro das aulas.
2) O seu respecto ás manifestacións e ás actuacións que a decana e algúns profesores teñen desenvolvido ata agora que, obviamente, non deben ser entendidas -como ten aparecido nalgúns medios- como opinións ou actuacións corporativas da Facultade, que se expresa agora.
3) A defensa da autonomía universitaria e, no seu exercicio, a conveniencia de que o manexo de situacións conflitivas como esta se conduza evitando na medida do posible a intervención de instancias alleas á Universidade ou a súa utilización con fins non estritamente académicos.”