Ir o contido principal

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais recoñece o esforzo en formación do Colexio de Economistas da Coruña

Roberto Pereira Costa recibiu o recoñecemento de mans da decana do centro
Roberto Pereira Costa recibiu o recoñecemento de mans da decana do centro

A estreita colaboración que desde hai anos mantén coa Facultade de Ciencias Económicas de Santiago serviulle ao Colexio de Economistas da Coruña para recibir este venres o Premio Fulget 2009 da Facultade de mans da súa decana, Maite Cancelo. A entrega tivo lugar no acto de celebración do patrón do centro, San Vicente Ferrer, que presidiu o vicerreitor de Economía e Financiamento, Miguel Vázquez Taín.
A Facultade destacou a organización do Curso de Competencias Profesionais que a entidade colexial realiza desde hai tres anos de forma gratuíta e desinteresada como unha das múltiples actividades que desenvolve a favor da formación e inserción laboral dos recén titulados.
O decano do Colexio de Economistas da Coruña e presidente do Consello Galego de Colexios de Economistas, Roberto Pereira Costa, agradeceu a distinción argumentando o esforzo realizado polas entidades que dirixe de cara a mellorar a posición laboral dos seus colexiados, máis de 2.250 na actualidade. Aválanlle a organización de tres congresos nacionais desde 2005, as máis de 4.000 horas acumuladas en actividades formativas, a ensinanza on line, a xestión de 383 ofertas de emprego desde 2007 e a entrega das distincións de carácter anual que concede a institución: Premio Economista do Ano, mellor artigo de Opinión Económica e os premios Ideas para proxectos empresariais emprendedores.
Premio FulgetO premio FULGET instaurouno a xunta de facultade co obxecto de premiar anualmente a unha empresa ou colectivo empresarial galego pola súa colaboración en accións encamiñadas a mellorar as relacións entre a actividade académica o centro e o seu contorno profesional. Nas edicións anteriores, os premiados foron a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre e Televés.
Continuando coa celebración do patrón, no mesmo acto tivo lugar a entrega de diplomas aos gañadores dos V Premios á Calidade Lingüística dos Traballos Académicos, aos Premios Extraordinarios de Doutoramento do curso 2007-2008 e aos Premios Extraordinarios de Licenciatura 2008-2009.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2010.