Ir o contido principal

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais súmase ao aforro enerxético automatizando o seu alumeado

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais vén de rematar o proceso de automatización do seu alumeado, hoxe estendido á práctica totalidade do centro. O sistema implementado proporciona un evidente aforro enerxético, unha considerable redución nas accións de mantemento, así como unha mellora na imaxe da Facultade de cara ao público en xeral por realizar una xestión responsable das súas instalacións.
O proceso comezou a finais de 2000 seguindo un patrón que optimizase o funcionamento do sistema de alumeado inicialmente sobre os corredores das tres plantas dos departamentos, as escaleiras de acceso a eles e a totalidade da primeira ampliación do centro, todo en función do horario de apertura e das horas de luz natural dispoñibles.
A experiencia acumulada ao longo deses anos sobre o rendemento do sistema, xunto coa progresiva substitución das antigas luminarias por outras máis eficientes nestes espazos, fixo incuestionable a conveniencia de estender o sistema ao resto do centro, corrixindo aspectos como a descentralización dos dispositivos para os efectos de control e programación de eventos extraordinarios dentro do calendario laboral.
O proceso iniciado a finais deste ano 2008 aborda estes aspectos, concentrando na conserxería a programación dos autómatas, integrando o funcionamento de todo o automatismo anterior e incorporando unha serie de dispositivos que facilitan de forma centralizada os procesos por realizar en función das necesidades de programación excepcional nos diferentes espazos da Facultade.
Para os responsables do centro o sistema implementado é “funcional e totalmente operativo”, demostrando unha “sobrada eficiencia” ao longo destes anos e unha “especial rendibilidade neste tipo de accións correctamente deseñadas e executadas”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.12.2008.