Ir o contido principal

A Facultade de Ciencias da Educación celebra o seu patrono cun acto académico

A Facultade de Ciencias da Educación da USC celebrará este venres 9 o seu patrono Frei Martín Sarmiento cun acto académico no que o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, pronunciará a conferencia ‘A lectura no século XXI’. O acto dará comezo ás 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e nel participarán o decano, Luis Ferradás, e os vicedecanos Elena Fernández Rey e Xesús Rodríguez. Logo da conferencia de Bragado terá lugar a entrega dos premios María Barbeito nas modalidades de Investigación Educativa e de Innovación Educativa, dos diplomas dos premios extraordinarios de diplomatura e licenciatura e dos premios á calidade lingüística.

O acto rematará coa intervención da estudante de doutoramento Almudena Alonso Ferreiro e a entrega do recoñecemento ‘ Sarmiento de Honra’ aos docentes María Teresa Prado e Agustín Requejo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.03.2012.