A Facultade de Ciencias da Educación inaugura este xoves a mostra 'Un mundo de enerxía'
A Facultade de Ciencias da Educación inaugurará este xoves 13 a exposición ‘Un mundo de enerxía’, unha produción do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) que xa se pode visitar neste centro do Campus Sur. Ao acto de inauguración, previsto para as 12:30 horas, asistirán o decano Lois Ferradás Blanco; o director do INEGA, Juan José Álvarez Carril; o presidente da Comisión Cultural do centro, Xesús Rodríguez; e o profesor de Educación Ambiental da Facultade, Pablo Meira Cartea.
Esta exposición tenta mostrar dun xeito práctico cales son os recursos enerxéticos dispoñibles no planeta, cómo funcionan os distintos sistemas para o seu aproveitamento, qué problemas se derivan da súa utilización e cómo a sociedade pode actuar para mitigar as súas consecuencias.
Con esta mostra, de carácter divulgativo e rigorosidade científica, realízase unha nova achega encamiñada a divulgar as enerxías renovables e promover o aforro e a eficiencia no uso dos recursos de cara a acadar un desenvolvemento sustentable. ‘Un Mundo de Enerxía’ permanecerá nas instalacións da Facultade de Ciencias da Educación durante todo o mes de marzo en horario de 10:00 a 14:00 horas en días laborais. A visita é gratuíta e o teléfono para a xestión previa é o 981 541538.