A Facultade de Ciencias de Lugo celebra a clausura do máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental
A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo será a sede o acto de clausura do máster en Prevención de Riscos Laborais que se imparte neste centro. A cerimonia terá lugar o venres 20 ás 19.00 horas no Salón de Actos da Facultade. No acto intervirán o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación de Lugo, institución que financia este posgrao desde o ano 2007 e que recentemente asinou coa USC o seu compromiso de manter este apoio durante os próximos cinco anos; o responsable de Servizos Xerais do Concello de Lugo, Francisco Fraga; o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, Jorge Rivera; o decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos; e o coordinador do máster, Carlos Herrero. O máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental oferta cada curso 20 prazas, que se cobren integramente con alumnado procedente sobre todo das titulacións de Arquitectura e Enxeñería, así como de Relacións Laborais, Química, Bioloxía e outras áreas. Curso de Microscopia de pensos O venres 20 remata tamén o curso ‘Técnicas Aplicadas de Microscopia de Pensos’, que se desenvolve esta semana na Facultade de Veterinaria, organizado polos profesores da Escola Politécnica Superior Ignacio García Lara e Antonio Iglesias Becerra. Ao acto de clausura, que se celebrará ás 21.15 horas no Departamento de Produción Animal da Facultade de Veterinaria no que se celebra a actividade, asistirá o vicerreitor de Coordinación, Pedro García Herradón, ademais dos dous directores do curso.