Ir o contido principal

A Facultade de Ciencias de Lugo convoca o concurso anual de proxectos fin de carreira para as súas dúas titulacións

O concurso foi presentado polo decano de Ciencias e representantes das entidades colaboradoras
O concurso foi presentado polo decano de Ciencias e representantes das entidades colaboradoras
Repartiranse 6.700 euros en premios e a posibilidade de optar a un posto de traballo en Ingapan e Proitec

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo convoca un ano máis o concurso para proxectos fin de carreira nas súas dúas titulacións, e que supón a terceira edición en Tecnoloxía dos Alimentos e a cuarta en Enxeñaría Técnica Industrial. Como en convocatorias anteriores, o concurso conta coa colaboración das empresas Ingapan e Proitec, do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo e das asociacións de estudantes e licenciados Altaga e Atabeira.
Poderán presentarse a esta convocatoria todos os proxectos fin de carreira das dúas titulacións aprobados no curso xa rematado e deberán facelo antes do 30 de novembro. O veredicto do xurado darase a coñecer o día 18 de decembro.
Repartiranse en total 6.700 euros en premios. Na titulación de Tecnoloxía dos Alimentos haberá tres traballos escollidos. O gañador recibirá 400 euros en metálico e un contrato de traballo de seis meses de duración na empresa Ingapan. O segundo recibirá 200 euros e o terceiro 100.
Na titulación de Enxeñaría Técnica Industrial os premios serán de 3.000 euros para o gañador, 2.400 para o segundo e 600 para o terceiro. Ademais, as empresas patrocinadoras colaboran cos premios ofrecendo contratos de traballo aos participantes.
Esta convocatoria foi presentada polo decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga, que destacou que o 80% do alumnado que remata os seus estudos neste centro de Lugo atopa de xeito inmediato traballo en empresas da cidade ou de Galicia, “o que significa que acadamos un dos obxectivos máis importantes da formación que é a incorporación ao mundo laboral”. Indicou tamén que estes premios serven de acicate aos alumnos nesa loita pola colocación, “en especial agora que coa reforma universitaria os proxectos de fin de carreira serán obrigados en todas as titulacións”.
Pola súa banda, o decano do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais, Jorge Rivera Gómez, destacou que este tipo de premios serven tamén de instrumento para que “esa riqueza académica que sae da facultade non marche fóra de Lugo ao ofrecer alternativas laborais e seguir incentivando o desenvolvemento económico da cidade”.
Os representantes das asociacións Altaga e Atabeira, Mónica Montouto e José Luis Fernández Perejón, respectivamente, amosaron a súa satisfacción polo resultado destes premios nestes anos, xa que varios estudantes titulados recibiron ofertas e hoxe en día están todos a traballar con contratos indefinidos.
Tamén estiveron presentes o director de Sistemas de Ingapán, José Antonio Fernández, que reiterou o seu apoio a estes premios “como un mecanismo de apoio á incorporación ao mundo laboral”, e Emilio Calvo, gañador da convocatoria do ano pasado e que actualmente ocupa un posto de responsabilidade na empresa Proitec Ingenieros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.11.2007.