Ir o contido principal

A Facultade de Ciencias de Lugo distingue a nove estudantes no concurso de proxectos de fin de carreira

Os nove premiados, xunto cos membros do xurado
Os nove premiados, xunto cos membros do xurado
A entrega de premios celebrouse no centro presidida polo vicerreitor

Un total de nove estudantes recibiron este martes os premios do concurso de proxectos fin de carreira nas titulacións de Enxeñaría Técnica Industrial, na especialidade en Química Industrial, e de Ciencia e Tecnoloxía dos alimentos da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo. O acto de entrega celebrouse no Salón de Graos do centro presidido polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero.
O xurado decidiu este ano por primeira vez repartir seis premios en Química industrial, e non tres como figuraba nas bases, repartindo o montante do premio entre cada grupo de dous clasificados. En primeiro lugar resultaron gañadores, cun premio de 1.500 euros cada un, Juan Francisco Saa Méndez polo traballo ‘Desenvolvemento dun novo produto, formigón de cal hidráulica’ e Sofía Pérez Fórneas por ‘Caracterización calorimétrica de poli-(e-caprolactona) modificada con polietilenglicol’. En segundo lugar obtiveron 1.200 euros cada un Laura María López Vilar por ‘Estudo de morteiros autonivelantes con áreas da comunidade de Galicia’ e Óscar Roibás López co traballo ‘Tratamento de augas residuais con alto contido en metais pesados’.
Con 300 euros cada unha foron premiadas en terceiro lugar María Rocío Fernández López por ‘Proxecto de adaptación de instalación industrial de produción láctea á enerxía solar térmica’ e María Lucía Duarte García con ‘Complexos non trasicionais de Zn e Cd cunha coordinación inusual de acetonitrilo’.
Nesta edición, a cuarta para esta titulación, se presentaron un total de 14 traballos de fin de carreira.
Na titulación de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos entraron a concurso 9 participantes entre os que foron premiados en primeiro lugar José Crecente Campo polo traballo ‘Determinación de compostos da cor en amorodo’. O premio está dotado con 400 euros e un contrato de traballo na empresa Ingapán. En segundo lugar, con 200 euros de premio, foi distinguida Beatriz Martínez Ruiz co proxecto ‘Desenvolvemento dun novo derivado cárnico con propiedades funcionais a partires de paquetes musculares de vacún non comercializables como pesas cárnicas tradicionais’. Finalmente, Cristina Sanz Cubero recibiu 100 euros polo traballo ‘Aspectos físico-químicos da canal e carne do polo de curral’. A Facultade de Ciencias celebraba este ano a terceira convocatoria deste premio.
Os demais participantes no concurso nas dúas categorías recibiron tamén un diploma acreditativo. O xurado destacou a alta calidade dos traballos presentados, “o que fixo que se tivesen que premiar o dobre dos proxectos previstos”.
Ademais do vicerreitor, na entrega de premios participaron tamén o decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga, e o decano do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, José Rivera Gómez. Por parte das empresas e entidades colaboradoras estiveron Emilio Calvo Carnota, gañador da edición do pasado ano e traballador actualmente da empresa Proitec; José Manuel Chousa, director xeral de Ingapán; Marta Prado Rodríguez, de Altaga, e José Luis Fernández Perejón, de Atabeira.
Os representantes dos organizadores destacaron tamén o labor formativo realizado na Universidade e, especialmente na Facultade, reflectido na calidade dos proxectos presentados. Todos eles animáronnos a seguir traballando na mesma liña co propósito de integrarse no mercado laboral buscando nas grandes empresas lucenses. De feito, catro anteriores gañadores deste certame traballan con contrato indefinido nas dúas empresas patrocinadoras e, como destacou o decano, o 85% dos titulados atopan traballo nos dous primeiros anos.
Por outra banda, comprometéronse tamén a buscar máis financiamento para aumentar o próximo ano o montante do premio e aumentar o número de galardoados. O vicerreitor clausurou o acto agradecendo o esforzo realizado durante os seus estudos e loubando a súa formación “coa que podedes levar o nome desta facultade con orgullo”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.12.2007.