A Facultade de Ciencias de Lugo distingue a once estudantes no concurso de proxectos de fin de carreira

Un total de once estudantes recibiron este martes 16 os premios do concurso de proxectos fin de carreira nas titulacións de Enxeñaría Técnica Industrial, na especialidade en Química Industrial, e de Ciencia e Tecnoloxía dos alimentos da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo. O acto de entrega celebrouse no Salón de Graos do centro presidido polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero.
O xurado decidiu este ano por segunda vez repartir seis premios en Química industrial, e non tres como figuraba nas bases, repartindo o montante do premio entre cada grupo de dous clasificados, dada a calidade dos traballos presentados. En primeiro lugar resultaron gañadores, cun premio de 750 euros cada un, Lucas Piñeiro Maseda polo traballo ‘Caracterización de tensioactivos básicos na industria de deterxentes mediante fluorescencia’ e José Serafín Lamas Chao por ‘Influencia das condicións de curado sobre un material termoestable’, este último foi premiado ademais cun contrato de traballo de seis meses de duración na empresa Ingapán.
Con 500 euros cada unha foron premiados en segundo lugar Pablo Díaz Castaño, polo proxecto ‘Isotermas de desorción e influencia de procesados na microestructura da zanahoria’, e Juana María Lago Lestón, por ‘Ensaios de resistencia mecánica sobre un novo polímero termoestable’.
Os terceiros premios, de 250 euros para cada traballo, foron para Alberto Becerra Arrojo por ‘Novos complexos con ligandos fenolato’ e para Paula López López por ‘Desenvolvemento de hormigón autocompactante’. Así mesmo, entregouse un diploma acreditativo a Margarita Rey Feijoo, polo proxecto ‘Análise do sistema de control dunha planta de proceso’. Nesta edición, a quinta para esta titulación, se presentaron un total de 7 traballos de fin de carreira.
Na titulación de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos entraron a concurso 4 participantes entre os que foron premiados en primeiro lugar Laura Rodríguez Turienzo polo traballo ‘Aspectos fisicoquímicos e lipídicos da carne de tórtola e zorzal’ e Alexandra Herrera Estévez, por ‘Prevalencia e caracterización fenotípica e xenotípica de Escherichia Coli verotoxixénicos (ECEP) en carne de vacún’, que recibiron cada una unha dotación de 300 euros. En segundo lugar, con 100 euros de premio, foi distinguido Manuel Gómez López polo proxecto ‘Optimización do proceso de elaboración do kiwi en almíbar’. Finalmente, Alejandra Iglesias Tilve recibiu un diploma acreditativo polo traballo ‘Determinación de vitamina C e ácidos orgánicos en distintos tipos de cultivo de kiwi’. A Facultade de Ciencias celebraba este ano a cuarta convocatoria deste premio.
Ademais do vicerreitor, na entrega de premios participaron tamén o decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga, e o decano do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, Jorge Rivera Gómez. Por parte das empresas e entidades colaboradoras estiveron Maite Liñares, de Altaga, e José Luis Fernández Perejón, de Atabeira.
Os representantes dos organizadores destacaron o labor formativo realizado na Universidade e, especialmente na Facultade, reflectido na calidade dos proxectos presentados. Todos eles animáronos a seguir traballando na mesma liña co propósito de integrarse no mercado laboral.
Por outra banda, o xurado comprometeuse tamén a buscar máis financiamento para aumentar o próximo ano o montante do premio e aumentar o número de galardoados, polo que adiantaron para a vindeira edición a participación da empresa Cofrico. A comisión avaliadora manifestou a súa intención de considerar como candidatos aos premios de forma automática a todos aqueles proxectos presentados ao longo do ano e que se levan a cabo na Facultade de Ciencias, co fin incentivar a realización de proxectos en enxeñaría.