Ir o contido principal

A Facultade de Económicas ofrece aos alumnos do primeiro ciclo da licenciatura en Economía un programa piloto de ensinanza en grupos reducidos

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC comezou no curso 2005-06 un programa piloto de ensinanza en grupos reducidos, en liña cos obxectivos do Espazo Europeo de Educación Superior, dirixido aos alumnos de primeiro curso da Licenciatura en Economía. O vindeiro ano académico 2007-08 o programa estenderase aos tres primeiros cursos da licenciatura.
A metodoloxía na que se basea a docencia deste programa supón un avance cara ao modelo de avaliación continua que os acordos de Bolonia propoñen para os estudos de grao. Isto é, ademais de ter un número de alumnos reducido poténcianse as titorías co profesorado, o traballo regular dende o primeiro día e a participación nas clases baseada no estudo previo, así como unha intensa comunicación do profesorado entre si e cos alumnos.
Os resultados da experiencia foron moi satisfactorios, como pon de manifesto o Informe sobre o primeiro curso de avaliación continua da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago. Do informe, que inclúe un estudo das notas de todos os alumnos de primeiro de Economía, despréndese que os estudantes do curso experimental presentan unha porcentaxe moi baixa de abandono, sacan boas notas e o seu grao de estudo e de participación é moi satisfactorio. Ademais, cualifican de maneira moi positiva a formación recibida, o traballo realizado e os resultados acadados.
A posta en marcha deste programa piloto segue as recomendacións do Consejo de Coordinación Universitaria sobre a renovación das metodoloxías educativas vixentes, que propuxo a tal efecto a creación dun plan específico para dita renovación, o PEREME, que sirve de marco ás iniciativas de cada campus.
A actual normativa da USC non contabiliza estas iniciativas no esforzo docente das facultades, polo que a Xunta de Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e a súa Comisión Académico-Docente piden que se inclúa este programa piloto na programación docente anual do centro, “xa que a súa non inclusión levou a un Departamento da Facultade a non participar nel o próximo curso ”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2007.