Ir o contido principal

A Facultade de Humanidades de Lugo organiza a segunda edición do Seminario de Historia Modernísima

‘Sic Luceat Lucus’ analiza os días 13 e 14 de decembro o papel de Lugo e os lucenses na idade moderna

Os días 13 e 14 de decembro o Salón de Graos da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo organiza a segunda edición do seu Seminario de Historia Modernísima, que este ano leva por título ‘ Sic Luceat Lucus. Lugo e os lucenses na idade moderna’. A actividade, dirixida polo profesor Fernando Suárez Golán, busca, en palabras dos seus organizadores, “contribuír a alcanzar unha mellor comprensión dos desafíos relacionados co espazo e as xentes lucenses no Antigo Réxime, tanto desde o punto de vista da historiografía das estruturas e os procesos sociais como desde a análise das identidades colectivas, a experiencia ou o discurso dos individuos”. “No encontro imos revisar estas e outras cuestións desde a perspectiva histórica, co obxectivo de fomentar a comunicación e colaboración entre historiadores en diferentes fases da súa formación, promovendo o debate desde o pensamento crítico e a análise profunda das causas e consecuencias dos problemas históricos”, explica Suárez Golán. Programa do encontro O xoves 13 ás 10.30 horas celébrase o acto inaugural, coa presenza de JoDee Anderson McGuire, vicedecana da Facultade de Humanidades; Domingo González Lopo, secretario do Departamento de Historia Medieval e Moderna; e Fernando Suárez Golán, director do seminario. O primeiro dos relatorios, a cargo de Domingo González Lopo, leva por título ‘San Froilán: análise crítica dunha haxiografía’. A continuación intervirá a catedrática de Historia Moderna da USC Ofelia Rey Castelao, quen falará sobre os libros e bibliotecas lucenses na época moderna. A sesión de tarde componse doutras dúas conferencias: ‘A fidalguía lucense desde a perspectiva da súa arquitectura institucional’, a cargo de Vítor Manuel Migués Rodríguez, e ‘Cambio climático e subsistencia na Galicia moderna: a pequena idade glacial’, por parte de Camilo J. Fernández Cortizo. O venres 14 a actividade comeza co relatorio de Hortensio Sobrado Correa sobre as continuidades e mudanzas na cidade de Lugo durante a idade moderna, antes da conferencia final, a cargo do catedrático Pegerto Saavedra Fernández, titulada ‘A organización do territorio na provincia e na diocese de Lugo: xurisdicións, partidos, parroquias e lugares’.

Ademais das conferencias oficiais, ambos os días desenvolveranse tamén sesións de comunicacións e debates; e o venres 14 pola tarde terá lugar unha visita guiada e unha práctica de campo no Arquivo Catedralicio e no Arquivo Histórico Diocesano de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.12.2012.