Ir o contido principal

A Facultade de Humanidades de Lugo organiza a súa primeira xornada de xestión e mediación cultural

O principal obxectivo é dar a coñecer a oferta formativa da USC neste ámbito, especialmente a través do Grao en Ciencias da Cultura

O venres, día 24, a Facultade de Humanidades do Campus de Lugo acolle a I Xornada en Xestión e Mediación Cultural. Baixo o título ‘A proxección profesional das Ciencias da Cultura’, este encontro nace co obxectivo principal de dar a coñecer a oferta formativa da USC no ámbito da cultura, centrada sobre todo no Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural. Os contidos do programa están especialmente dirixidos aos alumnos que rematan este ano os seus estudos de Bacharelato, como xeito de achegarlles unha alternativa de interese á hora de decidir a súa futura carreira. Tamén os alumnos de Formación Profesional (de cara a unha posible continuación de estudos), os universitarios xa titulados ou nos últimos anos de formación (para a ampliación das súas expectativas laborais) e os alumnos do Cuarto Ciclo universitario forman parte dos colectivos aos que a xornada vai especialmente dirixida. Ás 10.00 horas terá lugar o acto de apertura, no que participarán a decana da Facultade de Humanidades, Mª Isabel González, e a vicexerenta do Campus de Lugo, Carmen Varela. Posteriormente desenvolverase unha mesa redonda sobre cultura e xestión cultural na que interveñen Francisco Durán, vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC; Concepción Burgo, ex-concelleira de Cultura do Concello de Lugo; e Sonia Méndez, actual responsable de Economía no goberno local da capital lucense.

A xornada pecha a sesión da mañá cunha segunda mesa redonda centrada na mediación cultural e, xa pola tarde, complétase con dous relatorios sobre fotografía e cine a cargo de Eduardo Ochoa e Manuel Curiel, respectivamente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.02.2012.