A Facultade de Matemáticas organiza unha xornada sobre as particularidades da maxia como recurso didáctico do ensino desta disciplina
Afondar nas particularidades da maxia como recurso didáctico do ensino das matemáticas é o obxectivo de MateMáxicas, iniciativa promovida pola Facultade de Matemáticas da USC dentro do programa de actos previstos para a conmemoración do 50 aniversario da Licenciatura.
Esta actividade, que inclúe exhibicións e un obradoiro específico sobre a materia, correrá a cargo do profesor do Departamento de Matemáticas da Universidade do País Vasco, Pedro Alegría Ezquerra, e de Juan C. Ruíz de Arcaute Cantera, da Asociación de Ilusionistas de Álava. MateMáxicas pretende dotar a actuais e futuros docentes de secundaria de novos recursos docentes cos que promover dende a aula a apreciación social por esta disciplina.
Nos dous días que durará a iniciativa, as xornadas previstas comezarán cunha exhibición de maxia, aberta ao público en xeral, que se vai celebrar na Aula Magna da Facultade en horario de 16:00 a 17:00 horas. Deseguido, nas aulas 9 e 10, comezarán os obradoiros de maxia para os que existe un aforo de 60 prazas, 50 reservadas para alumnos da licenciatura e as restantes para licenciados en Matemáticas.
Os alumnos poderán validar a súa asistencia a estas xornadas por un crédito de libre configuración, para o que será preciso acreditar a asistencia a todas as sesións, ademais de desenvolver o traballo que se estableza, cubrir unha proba de avaliación tipo test e unha enquisa de satisfacción.