A Facultade de Matemáticas no segundo posto do Ranking ISI das Universidades Españolas segundo Campos Científicos
Recentemente coñecíase o Ranking ISI das Universidades Españolas que coloca á Facultade de Matemáticas da USC no segundo lugar dentro do campo investigador das Matemáticas no período que vai dende 2005 a 2009. Esta listaxe está elaborada por investigadores das Universidades de Granada e Navarra co fin de medir a capacidade de xerar coñecemento baseándose na investigación publicada nas revistas internacionais de maior impacto e visibilidade.
Tal e como apunta a decana da Facultade de Matemáticas, Victoria Otero Espinar, “dende hai anos é evidente, segundo revelan varios indicadores, a excelente e consolidada situación da investigación matemática española e, en particular da galega”. Entre as 42 universidades sometidas a estudo, a de Santiago aparece soamente superada pola Facultat de Matemàtiques i Estadística da Universitat Politècnica de Catalunya. Para a responsable do centro é unha mostra máis da relevancia da USC na investigación matemática española e no eido internacional. Otero Espinar lembra que nesta facultade do campus compostelán atópanse varios matemáticos cuxos artigos de investigación son os máis citados na Matemática mundial. Terceiro posto nas Ciencias Agrarias Matemáticas acada ademais a mellor cualificación entre os centros da USC no que se refire á totalidade das áreas científicas analizadas neste período, pero hai outros campos ben destacados como é o que agrupa ás Ciencias Agrarias, e que conta co terceiro posto no seu ámbito. A investigación na rama Agraria que parte do Campus de Lugo vese precedida soamente neste ranking pola da Autónoma de Barcelona en primeiro lugar e a Complutense de Madrid no segundo. No que se refire á USC, outros dos campos de investigación mellor situados son o da Química e o das Ciencias Biolóxicas. Ambas áreas contan coa sétima posición dentro do total das universidades contabilizadas de 2005 a 2009. O Ranking ISI Este ranking nace como froito da colaboración dos membros dos grupos de investigación ‘ Evaluación de la Ciencia y la Comunicación Científica - EC3’ das Universidades de Granada e Navarra e ‘Soft Computing and Intelligent Information Systems - SCI2S’ da Universidade de Granada. Diferénciase doutros rankings na súa organización por campos científicos, un total de 12, e non por grandes ramas de coñecemento de maneira que poida captarse mellor en qué especialidades as universidades son máis activas e influentes. O estudo utiliza períodos de dez años (2000-2009) e de cinco anos (2005-2009), tentando dotar de estabilidade aos resultados e detectar posibles cambios na actividade científica. Por outro lado, propón un método de ordenación que sintetiza seis indicadores bibliométricos de produción e impacto que miden os aspectos cualitativos e cuantitativos da produción científica das universidades españolas. O ranking tamén emprega como fonte de información as bases de datos de Thomson-Reuters (antigo ISI) Web of Science e Journal Citation Reports. Estes produtos son una selección das mellores revistas de ámbito mundial e referencia básica das axencias de avaliación nacionais como CNEAI e ANECA. O obxectivo principal destes rankings é descubrir as fortalezas e debilidades do sistema universitario español de investigación en diferentes ámbitos do coñecemento. O ISI é así un traballo de interese para os responsables da política científica e xestores da investigación vinculados ao mundo universitario. A consulta completa desta listaxe pode consultarse directamente no enderezo web http://www.rankinguniversidades.es