A Facultade de Medicina acolleu un curso de formación para a determinación de HER2 no cancro gástrico

A Facultade de Medicina de Santiago de Compostela foi, xunto con Madrid e Barcelona, un dos tres centros de referencia do país elixidos pola farmacéutica Roche para desenvolver un curso de formación de patólogos. Neste caso, sobre a determinación de HER2 no cancro gástrico.
Esta enfermidade representa a cuarta causa de morte por cancro en España. Un amplo ensaio clínico no que participaron 130 centros de todo o mundo demostrou que o tratamento co anticorpo monoclonal trastuzumab (Herceptin) incrementa significativamente a supervivencia en doentes con carcinoma gástrico avanzado.
Sobre a base destes resultados, o pasado mes de xaneiro a axencia europea do medicamento aprobou o seu uso en casos de cancro gástrico avanzado con sobreexpresión do receptor de membrana HER2, tratamento que xa se viña empregando en doentes con cancro de mama. A determinación precisa do estado de HER2 no tumor é requisito imprescindible para seleccionar axeitadamente ós doentes susceptibles deste novo tratamento personalizado.
A este primeiro curso asistiron o venres pasado vinte especialistas en anatomía patolóxica de todos os hospitais de Galicia. O coordinador en Santiago foi o doutor García-Caballero, catedrático de Histoloxía e responsable do Laboratorio de Inmunohistoquímica e Dianas Terapéuticas do Servizo de Anatomía Patolóxica do CHUS. Por parte do Servizo de Oncoloxía Médica participou Elena Gallardo cunha revisión actualizada do tratamento oncolóxico do cancro gástrico, centrándose preferentemente na análise dos resultados co novo tratamento con trastuzumab.
Unha vez terminada a sesión, aproveitando a estancia dos patólogos galegos en Compostela, organizouse unha conferencia sobre a actualización da diagnose de HER2 en cancro de mama, que pronunciou o xefe do Servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital Virxe das Neves de Granada e experto de recoñecido prestixio sobre o tema, Ángel Concha.