A Facultade de Veterinaria será durante dous días foro de debate sobre as razas puras de gando no marco dun Congreso Nacional de Zootecnia
Máis dun cento de profesionais, investigadores e docentes vinculados ao sector gandeiro reúnense estes días en Lugo no segundo Congreso Nacional de Zootecnia que se prolongará durante dúas xornadas na Facultade de Veterinaria. Este xoves 28 de outubro celebrouse a apertura do encontro organizado pola Federación Española de Asociacións de Gando Selecto (FEAGAS) que nesta edición leva por lema ‘As Razas Puras, Fonte de Riqueza para la Cabana Gandeira Española’. O acto de inauguración estivo conducido polo vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón. O centro lugués será así foro do debate entre profesionais tamén mañá, venres 29, tendo como eixo central establecer o marco da riqueza que as razas de gando puro achegan non só aos seus criadores, senón á totalidade da cabana gandeira española, segundo sostén José Antonio Fernández, director xerente de FEAGAS, entidade integrada por 85 organizacións que representan 103 razas, o que significa máis do 95 por cento das asociacións de gando de raza pura da gandería española.