A Facultade de Veterinaria de Lugo acolle a terceira edición do Congreso Ibérico do Lobo

A Facultade de Veterinaria de Lugo acolle entre os días 23 e 25 de novembro o III Congreso Ibérico do Lobo, organizado pola Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e en cuxo comité organizador participan os profesores da USC Luís Eusebio Fidalgo, Isabel Barreiro e Ana López Beceiro. O acto oficial de inauguración, que se celebra o sábado 24 ás 09.00 horas, contará coa presenza do vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco; a delegada de Medio Ambiente da Deputación Provincial de Lugo, Sonsoles López Izquierdo; o director xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, Ricardo García Borregón; e Martiño Cabana, vicepresidente da ACGT e secretario do congreso. O congreso, segundo explican os seus responsables, ten como fin “congregar a todos os investigadores e xestores de España e Portugal, e do resto de Europa, que traballan co lobo ibérico, para poñer en común os últimos avances realizados na xestión, investigación e conservación desta especie”. Investigadores, técnicos e persoal da Administración, representantes de entidades gobernamentais e organizacións sen ánimo de lucro vinculadas ao lobo ibérico participan neste foro. Nos anos 1997 e 2005, a Sociedade Española para a Conservación e Estudo dos Mamíferos (SECEM) e o Grupo Lobo de Portugal organizaron os I e II Congreso Luso-Español do Lobo Ibérico, que sentaron un precedente histórico sobre o coñecemento científico desta especie. Por este motivo a AGCT, co apoio de diferentes asociacións, universidades e administracións de ámbito local e estatal decidiu asumir a organización deste terceiro encontro, “co fin de darlle continuidade a un proxecto que non pode deixar de celebrarse se queremos realizar un labor efectivo de coñecemento e conservación desta especie”. Programa do congreso A estrutura básica do congreso divídese en tres bloques temáticos: ecoloxía e bioloxía, xestión e conservación e relación entre lobo e home. Estes tres bloques desenvolveranse durante a mañá e tarde do día 24 e a mañá do 25. Na tarde do día 23 realizarase unha xornada previa sobre aspectos bioecolóxicos e veterinarios sobre o lobo ibérico. O encontro iníciase o venres 23 cunha serie de relatorios centrados en aspectos como o lobo ibérico no século XXI, os efectos da domesticación nesta especie, o lobo como paciente clínico, os seus parasitos, os danos causados polos lobos ou os disruptores endocrinos e a conservación da fauna silvestre. Durante a xornada do sábado 24 destaca a conferencia que presentará o profesor italiano Luigi Boitani sobre a conservación do lobo en Europa, mentres que o domingo 25 a intervención convidada será a do zoólogo anglo-arxentino Claudio Sillero-Zubiri, quen falará sobre a conflitividade entre o home e mais o lobo en Etiopía. Entrementres, arredor de 50 relatorios de expertos españois, portugueses e doutros países europeos completan un programa no que se aborda a situación actual das diferentes comunidades de lobo ibérico espalladas pola Península desde as máis diversas perspectivas: censos, comportamento, xenética, enfermidades, conservación, lexislación ou mesmo a imaxe do lobo na sociedade e as manifestacións culturais asociadas á súa figura.