Ir o contido principal

A Facultade de Veterinaria de Lugo organiza as súas V Xornadas de Orientación Laboral

Unha das charlas das xornadas, a cargo de Gloria Cruz, da área de Orientación e Inserción Laboral da USC en Lugo
Unha das charlas das xornadas, a cargo de Gloria Cruz, da área de Orientación e Inserción Laboral da USC en Lugo
Veterinarios, representantes do mundo empresarial e persoal da Área de Inserción Laboral da USC achegan neste encontro a súa experiencia aos futuros profesionais

A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo puxo en marcha o xoves 26 a quinta edición das súas xornadas de Orientación Laboral, dirixidas a estudantes e licenciados. Arredor dunha trintena de asistentes toman parte neste encontro, que se desenvolve os xoves e venres ata o 11 de maio no auditorio do centro. Nesta primeira sesión, os participantes recibiron asesoramento sobre o mercado laboral, as ferramentas e métodos para a busca activa de emprego, os procesos de selección e as habilidades sociais demandadas no mercado de traballo. A encargada destes relatorios é Gloria Cruz Amil, da Área de Orientación Laboral da USC en Lugo. A xornada complétase cun relatorio sobre intelixencia emocional e programación neurolingüística e outro sobre escoita activa. O encontro continúa o venres 27 con senllas charlas acerca dos obxectivos persoais e profesionais nos que se debe enmarcar a busca continua de traballo e sobre os erros máis comúns que se cometen nas entrevistas de traballo, respectivamente. Citas no mes de maio O xoves 3 e mais o venres 4 de maio as xornadas estarán centradas na aprendizaxe de estratexias para unha busca efectiva de emprego, como as pautas de elaboración dun currículum vitae e dunha carta de presentación, a preparación dunha entrevista persoal, a comunicación non verbal, a importancia de dicir non ou a necesidade de abrir a mente en canto ás posibles opcións laborais. O curso péchase coas sesións do xoves 10 e o venres 11 de maio, nas que se abordarán cuestións como o manexo efectivo das relacións no ámbito do traballo, a motivación e o optimismo como ferramentas laborais e unha mesa redonda sobre as posibles saídas laborais no mundo veterinario, con representantes dos sectores porcino, ruminantes, pequenos animais e das grandes empresas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.04.2012.