Ir o contido principal

A Facultade de Veterinaria de Lugo participa nunha investigación para o aproveitamento dunha planta acuática en nutrición animal

Acto de presentación do proxecto da localidade murciana de San Javier
Acto de presentación do proxecto da localidade murciana de San Javier
O profesor Joaquín Hernández forma parte dun equipo que estudará a posible utilización da posidonia oceánica como alimento para varias especies de ruminantes

A posidonia oceánica, unha planta acuática endémica do Meditrráneo, podería pasar a formar parte da cadea alimentaria como forraxe para o gando ruminante. Estudar esta posibilidade, que permitirá reducir o custo produtivo e contribuír á sostibilidade ambiental, é o obxectivo dunha investigación da que forma parte da Facultade de Veterinaria da USC, en coordinación coa Universidade de Murcia, o Centro de Investigacións Científicas de León, a empresa CESPA e o Concello murciano de San Javier. Este estudo, pioneiro en España e que se atopa nunha fase aínda incipiente, presentouse recentemente en San Javier nun acto no que estivo presente o profesor Joaquín Hernández (membro do Departamento de Patoloxia Animal e do grupo de investigación Metanimal da USC), un dos responsables do proxecto. Hernández explicou que a posidonia oceánica é unha planta superior que pode ser moi útil “polo seu alto contido en fibra, segundo os resultados da primeira fase do estudo”. O próximo mes de setembro comezará a segunda fase, na que se trasladarán desde San Javier á sede do CSIC en León entre 2.000 e 3.000 quilogramos desta planta, “para estudar a súa dixestividade in vitro, co fin de comprobar que pasaría cando o animal inxira o alimento”, segundo explica Joaquín Hernández. A terceira e última fase, que se levaría a cabo se os valores obtidos pola investigación en laboratorio son os adecuados, consistiría no estudo con animais en vivo. Dobre beneficio A posible utilización como alimento das acumulacións de posidonia oceánica suporía tamén un beneficio a outros niveis, xa que actualmente as zonas costeiras do Mediterráneo nas que esta planta prolifera abundantemente teñen que destinar importantes partidas orzamentarias para efectuar a súa retirada durante os meses de verán, así como para o seu posterior tratamento como residuo. Este estudo ten como precedentes outros similares realizados con diferentes tipos de algas en lugares como Escocia ou Irlanda, con éxito en gando vacún. Outros parecidos tamén se levaron a cabo en Australia, Suramérica e no norte de Europa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.08.2012.