Ir o contido principal

A Facultade de Veterinaria organiza un curso de manexo e conservación da fauna silvestre

O encontro desenvolverase os días 30 de novembro e 1 e 2 de decembro na sede do centro no Campus de Lugo

Os días 30 de novembro e 1 e 2 de decembro a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo converterase na sede das xornadas Manexo e Conservación de Fauna Silvestre, organizadas pola USC (a través da profesora Patricia Fernández de Trocóniz Revuelta, do Departamento de Anatomía e Produción Animal). Tamén participa na organización deste encontro a Universidade del Valle de México, unha de cuxas docentes, Rosalía Pastor-Nieto, será a relatora de varias das conferencias que se inclúen no programa. Durante os tres días do curso trataranse aspectos como a atención veterinaria de animais salvaxes de vida libre e en catividade, o funcionamento dun parque zoolóxico e a función destes centros na conservación da fauna salvaxe, o rexistro das coleccións zoolóxicas e a importancia da súa información, a asistencia e recuperación de lobos mariños en Galicia, o manexo e conservación de primates mexicanos e da fauna silvestre do neotrópico (así como a mastozooloxía e a avifauna desta área climática) ou unha introdución á interpretación de rastros e sinais. Ademais da profesora Rosalía Pastor-Nieto, o cadro de docentes complétase coa presenza de Antonio Acuña, veterinario de Vigozoo; Jorge Barciela López, veterinario do Aquarium Finisterrae da Coruña; Juan Antonio Díaz de Silva, coordinador de Mamíferos Mariños da Sociedade Galega de Historia Natural; José Luís Rois Losada, de Marcelle Natureza (Lugo); Remigio Sánchez Díaz, de Avifauna (Lugo); e o veterinario Gustavo Fernández Arias. Os interesados en matricularse no curso poden realizar a súa inscrición a través do formulario de autoloquidacións da web da USC, e posteriormente remitir unha copia ao enderezo electrónico manejo.conservacion.fauna [at] gmail.com (manejo[dot]conservacion[dot]fauna[at]gmail[dot]com). O prezo da matrícula oscila entre os 30 e os 60 euros. As xornadas están especialmente dirixidas a estudantes e licenciados en Veterinaria e Bioloxía, pero abertas tamén a calquera persoa interesada en cuestións como o manexo e conservación de fauna silvestre e especies exóticas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.09.2012.