Ir o contido principal

A Facultade de Veterinaria organiza unhas xornadas sobre manexo e conservación da fauna silvestre

O encontro, centrado en experiencias de España e México, desenvolverase os días 30 de novembro e 1 e 2 de decembro no auditorio deste centro do Campus de Lugo

Os días 30 de novembro e 1 e 2 de decembro a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo converterase na sede das xornadas Manexo e Conservación de Fauna Silvestre, organizadas pola USC (a través da profesora Patricia Fernández de Trocóniz Revuelta, do Departamento de Anatomía e Produción Animal). Tamén participa na organización deste encontro a Universidade del Valle de México, unha de cuxas docentes, Rosalía Pastor-Nieto, será a relatora de varias das conferencias que se inclúen no programa.

Durante os tres días do curso trataranse aspectos como a atención veterinaria de animais salvaxes de vida libre e en catividade, o funcionamento dun parque zoolóxico e a función destes centros na conservación da fauna salvaxe, o rexistro das coleccións zoolóxicas e a importancia da súa información, a asistencia e recuperación de lobos mariños en Galicia, o manexo e conservación de primates mexicanos e da fauna silvestre do neotrópico (así como a mastozooloxía e a avifauna desta área climática) ou unha introdución á interpretación de rastros e sinais.

Ademais da profesora Rosalía Pastor-Nieto, o cadro de docentes complétase coa presenza de Antonio Acuña, veterinario de Vigozoo; Jorge Barciela López, veterinario do Aquarium Finisterrae da Coruña; Juan Antonio Díaz de Silva, coordinador de Mamíferos Mariños da Sociedade Galega de Historia Natural; José Luís Rois Losada, de Marcelle Natureza (Lugo); Remigio Sánchez Díaz, de Avifauna (Lugo); a naturalista de BirdLife-Pontevedra Encarna González Rodiño; e a veterinaria Mar Carrasco Muñoz.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.11.2012.